A Xunta de Galicia e a Asociación de Construtores de Pontevedra acordaron este venres realizar unha nova licitación das obras do Hospital público de Gran Montecelo despois de revisar en profundidade o proxecto.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron unha xuntanza na Delegación territorial de Campolongo co presidente da entidade, Víctor del Canto, e cos membros da xunta directiva, na que abordaron a situación actual en relación con este proxecto.
A Xunta de Galicia licitou o pasado 4 de maio as obras de reforma e ampliación do Hospital Gran Montecelo por importe de 114,6 millóns de euros. Posteriormente, tanto a Federación Galega da Construción como a Asociación de Construtores de Pontevedra solicitaron que se ampliase o prazo de presentación de ofertas, argumentando para iso a gran envergadura e a complexidade técnica da obra, ademais da situación producida pola pandemia da covid-19.
A Administración autonómica atendeu esa solicitude do sector da construción e fixou o fin de período para a presentación de ofertas no 13 de xullo. Transcorrido ese prazo, constatouse que unicamente se presentara unha oferta ao concurso.
O Goberno galego coincide coa Asociación de Construtores de Pontevedra en que se trata dunha "situación anómala" e que é necesario reiniciar o procedemento "para garantir a viabilidade da actuación e asegurar que a ampliación do hospital de Pontevedra se realiza nos prazos estipulados e sen incidencias".
Na reunión acordouse que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas e da Consellería de Sanidade revisarán o proxecto licitado, tendo en conta as consideracións formuladas pola Asociación de Construtores de Pontevedra, que trasladaron cuestións da licitación que fan inviable a execución das obras.
O obxectivo do Goberno galego é materializar a nova licitación antes de que remate o presente ano.