A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará próximamente un veciño de Vilagarcía acusado dun delito de violación á filla discapacitada da súa antiga empregada doméstica.
A Fiscalía reclama unha condena de trece anos e seis meses de prisión e outros dez anos máis de liberdade vixiada e a prohibición de aproximarse ao domicilio en que resida a vítima, lugar de traballo ou calquera outro que sexa frecuentado pola mesma, nunha distancia non inferior a douscentos metros, así como de comunicación coa vítima.
Segundo relata o escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos producíronse sobre a unha da tarde do 16 de maio de 2017, cando o acusado, maior de idade e sen antecedentes penais, coincidiu no centro médico coa nova, "a quen coñecía por razóns de veciñanza e porque a nai desta traballou realizando labores domésticos na súa casa".
Tras establecer conversación "ofreceuse a levala en coche á súa casa", ela accede pero, segundo a Fiscalía "no canto de cumprir co seu ofrecemento inicial, e coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual e de vulnerar a indemnidade sexual da vítima, levouna ao seu propio domicilio".
Foi alí onde a agrediu. Este individuo parou cando a nova advertiulle de que lle estaba facendo dano e desistiu das súas actitude cando a vítima lembroulle que "se tardaba, a súa nai ía decatar", momento no que a deixou marcharse e díxolle "vamos, que ti tes máis que perder que eu, non quero que se decaten os teus pais", segundo relata o escrito de cualificación.
A Fiscalía sinala que "o acusado era coñecedor" de que a moza padece "un trastorno mixto da personalidade que afecta de modo importante á súa conduta e limítaa á hora de realizar unha correcta valoración das situacións sociais e de valoración dos riscos" e engade que "como consecuencia dos feitos a moza sufriu unha importante ansiedade, pesadelos e medo".
Por vía de responsabilidade civil, o Ministerio Público solicita que o acusado indemnice á moza na suma de dez mil euros en concepto de dano moral.