A xuízo por tentar matar o seu marido a puñaladas para evitar que regresase ao domicilio que compartían

Pontevedra
09 de outubro 2021

O xuízo celebrarase o vindeiro xoves 14 de outubro na Audiencia Provincial e nel a Fiscalía pedirá que a muller sexa condenada a catro anos e medio de prisión. A acusada sufría "unha intoxicación aguda de alcol" que afectaba "de forma relevante" á súa capacidade volitiva. "Co propósito de acabar coa súa vida", propinoulle ata cinco puñaladas

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Unha muller sentará no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra como suposta autora dun delito de homicidio en grao de tentativa por presuntamente tentar matar o seu marido. Segundo a Fiscalía, estaba "decidida a acabar coa súa vida con tal de evitar que puidese regresar ao domicilio que ambos compartían".

O xuízo celebrarase o vindeiro xoves 14 de outubro e nel a Fiscalía pedirá que a muller sexa condenada a catro anos e medio de prisión. A muller atópase en prisión provisional desde o día seguinte ao intento de homicidio.

Os feitos ocorreron no partido xudicial da Estrada o 23 de xullo de 2020 e, segundo a Fiscalía, a acusada "atopábase baixo o influxo da previa inxesta de bebidas alcohólicas, o que lle producía "unha intoxicación aguda de alcol" que afectaba "de forma relevante" á súa capacidade volitiva. A muller padece unha síndrome de dependencia de alcol de anos de evolución. 

Á vista desta situación, o fiscal pide que se lle aplique unha circunstancia eximente incompleta de ebriedade, ademais doutra agravante de parentesco.

A acusada e a súa vítima estaban casados e convivían. Aquel día, sobre as dez da noite, estaban no domicilio conxugal cando se iniciou unha discusión entre ambos. Durante a mesma, a muller, segundo a Fiscalía, colleu un coitelo de folla metálica con fío e acabada en punta incisiva, polo que o seu marido decidiu saír do domicilio. 

A continuación, o home quixo volver entrar, pero ela non lle permitiu a entrada, mantendo pechada a porta. Entón o marido optou por empolicarse a un pequeno galpón anexo e desde alí tentar acceder ao interior a través da xanela que comunica coa cociña. Con todo, ela esperábao para evitar que entrase.

Segundo sostén o fiscal, no momento no que el se asomou pola xanela, ela, "co propósito de acabar coa súa vida", propinoulle ata cinco puñaladas, empregando o coitelo usado nun primeiro momento e outro de cociña duns 30 centímetros de longo, con folla metálica duns 20 centímetros de longo, con fío e acabada en punta incisiva. 

A acusada dirixiu as puñaladas cara ao abdome e tórax da vítima, man dereita e perna esquerda, existindo risco vital polo medio empregado (coitelos) e a localización e entidade das lesións. Algunha das puñaladas foi profunda.

Tras o ataque, o marido abandonou o lugar e solicitou o auxilio dos veciños, que avisaron a emerxencias. Foi trasladado ao Hospital Universitario de Santiago de Compostela, onde ingresou na UCI. Dada a gravidade das feridas e as súas complicacións, a súa saúde non se estabilizou ata o 20 de outubro e necesitou 92 días para curar. Ademais, quedaron como secuelas varias cicatrices. 

O home renunciou expresamente a reclamar á súa esposa por estes feitos, aínda que a Fiscalía si pide que que indemnice ao Servizo Galego de Saúde polos gastos ocasionados. Tamén pide que se lle impida aproximarse a menos de 100 metros da vítima, o seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro frecuentado por el, así como de comunicarse con el por calquera medio, durante un tempo superior en sete anos á privación de liberdade que se acorde.