A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves a vista oral contra dous veciños de Vilagarcía e outros dous de Marín, acusados de delitos contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.
A Fiscalía considera que estes catro individuos dedicábanse "á provisión e comercialización de estupefacientes, concretamente de cocaína, que distribuían tanto a consumidores finais destas substancias como a outros distribuidores secundarios no mercado ilícito".
Os feitos que serán xulgados remóntanse á primavera do ano 2021 por mor dunhas investigacións conxuntas da Policía Nacional e da Garda Civil. No marco da bautizada como "Operación Vieira - Arena Negra" descubriron como desde a vivenda dun dos vilagarciáns entregábaselle un alixo de cocaína a outro veciño da mesma localidade para transportala nun Audi A5 preparado con dous habitáculos con apertura eléctrica para esconder a droga.
En xullo de 2021 un control da Policía Nacional interceptou o vehículo con tres dos acusados cando transportaban dous quilos de cocaína cun valor no mercado negro de 222.784 euros. Tras as detencións procederon ao rexistro dos seus domicilios descubrindo na casa dun dos vilagarciáns 1,3 millóns de euros gardados ao baleiro.
A Fiscalía pide condenas de nove anos de prisión para este acusado, que como agravante conta con antecedentes por narcotráfico, mentres que para o outro vilagarcián solicita seis anos e medio. Pola súa banda, os dous marinenses enfróntanse a sete anos uno deles e a seis anos e tres meses o outro.