A xuíza titular do Xulgado de instrución número 7 de Vigo imputou na causa pola Operación Patos, que investiga supostas irregularidades en contratacións públicas, ao ex presidente da Deputación de Pontevedra e presidente do PP provincial, Rafael Louzán.
Na relación de 46 novos imputados, á parte das cinco persoas que foron detidas en febreiro de 2014 e postas en liberdade con cargos, figura o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o ex vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, e a delegada da Xunta na cidade olívica, María José Bravo Bosch.
A xuíza tamén confirma a imputación dos concelleiros de Vigo e deputados provinciais David Regades e Isaura Abelairas.
Louzán, Figueroa, Bravo Bosch e Regades están imputados por supostos amaños de contratos e obras públicas e, adicionalmente, a recepción de agasallos, excepto á delegada da Xunta.
A recepción de agasallos é polo que está imputado o alcalde de Vigo e recentemente elixido presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, e a concelleira Isaura Abelairas.
A Operación Patos saltou á luz pública en febreiro de 2014 a raiz da operación policial na que se detivo a varios administradores e empregados das empresas Cespa e Eiriña; e practicouse rexistros a delegación da Xunta en Vigo, en dependencias da Zona Franca, na Deputación de Pontevedra ou nos concellos de Vigo, Nigrán, Santiago, Pontevedra, Ponteareas e Ourense.