A xuíza chama de novo a declarar a Julio Araújo pola desaparición de Sonia Iglesias

Pontevedra
04 de decembro 2013

Prestará declaración ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra o 19 de decembro a petición da acusación particular e da Fiscalía. O 16 de decembro irán ante a xuíza unha muller do ámbito da desaparecida e a representante dunha asociación de atención a mulleres maltratadas á que Sonia fixo unha cosulta meses antes de que se lle perdese a pista

Julio Araújo nunha comparecencia no Xulgado
Julio Araújo nunha comparecencia no Xulgado / PontevedraViva

Julio Araújo volverá prestar declaración ante o xulgado como imputado pola desaparición da súa parella, Sonia Iglesias Eirín, o 18 de agosto de 2010. O home, único imputado por este caso, xa declarou numerosas veces ante a Policía Nacional e en xullo de 2012 fíxoo por primeira vez ante o xuíz. O próximo 19 de decembro volverá á sede xudicial da Parda.

Fontes xudiciais confirmaron que o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra enviou unha providencia este martes 3 de decembro en resposta ás peticións de novas dilixencias formuladas polas partes para reactivar a investigación pola desaparición de Sonia Iglesias.

En concreto, a xuíza responde á petición realizada pola Fiscalía de Pontevedra e a familia de Sonia Iglesias de que declare novamente Julio Araújo e a outra solicitude da acusación particular de que declaren dúas testemuñas que poderían achegar datos sobre a relación que mantiñan a desaparecida e a súa parella nos días previos á súa desaparición.

A providencia cita a Julio Araújo o 19 de decembro e tres días antes, o 16 de decembro, a dúas mulleres. Unha delas é unha amiga de Sonia Iglesias e a outra é a responsable da Asociación de Mulleres Maltratadas Luz, que o 10 de setembro de 2010, tres semanas despois da desaparición da moza, acudiu á Policía para contar que Sonia Iglesias a chamara uns meses antes e se reuniran nunha cafetaría para facer unha consulta.

A xuíza rexeita as testemuñas propostas polo avogado de Julio Araújo, que pediu o arquivo parcial da causa

Esta declaración incluíuse no informe policial, pero non consta no sumario que os investigadores fixesen máis xestións ao respecto, de modo que a declaración desta representante en sede xudicial pretende botar datos sobre a consulta realizada por Sonia Iglesias e que lle relatou en relación coa relación sentimental que mantiña co imputado.

Fontes xudiciais confirmaron que tanto esta representante da asociación coma a achegada de Sonia Iglesias eran testemuñas solicitadas pola acusación, exercida pola familia da desaparecida. Con elas pretenden confirmar a mala relación de parella e que en datas previas á súa desaparición esta pontevedresa quería romper co seu noivo.

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, descartou as declaracións doutras testemuñas propostas polo avogado defensor de Julio Araújo, que tamén solicitara o arquivo parcial da causa no que ten que ver coa imputación do seu defendido.

Estas declaracións dos días 16 e 19 de decembro chegan despois de que o caso pasase do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra ao xulgado especializado en violencia de xénero.

A xuíza levantou o segredo de sumario e tomou declaración ás primeiras testemuñas solicitadas pola Fiscalía no mes de novembro. Agora dará un novo pulo á investigación ao tomar declaración por primeira vez a Julio Araújo, pois a primeira vez que falou ante un xuíz fíxoo ante o xuíz do Instrución número 2, pero non ante ela.

Arquivado en