O Concello de Cuntis celebra este venres os actos centrais do Día Internacional contra as Violencias Machistas coa lectura dun manifesto e concentración ás 12.00 horas diante da Casa do Concello e a celebración da "III Andaina contra as violencias machistas" o domingo 27 ás 11 da mañá na Praza das Árbores.
O Concello de Cuntis adica todo o mes á concienciación contra a violencia machista con dúas iniciativas complementarias que son o programa "O Círculo dos afectos" e unha campaña en colaboración co comercio local, que consiste no reparto de bolsas e diversos materiais que dan visibilidade a unha loita social pola eliminación da violencia contra as mulleres.
"O círculo dos afectos" é unha acción dirixida a mulleres e centrada en abordar as problemáticas emocionais, especialmente as que son consecuencia do estrés, da ansiedade e dos procesos depresivos. As persoas participantes aprenderán a xestionar a emocionalidade a través de estratexias que contribúan a superar obstáculos nos proxectos persoais.
Nestas sesións de traballo apostarase por unha metodoloxía avalada por recentes investigacións en neurociencias que están a abrir unha nova forma de entender a realidade das persoas integrando as dimensións física, psicolóxica e social do humano. Esta campaña está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A campaña para este ano, deseñada dende a Concellería de Servizos sociais, Igualdade e Xustiza comenzou o pasado 28 de outubro coa posta en escea do espectáculo "Otero. A bailarina española", seguida dun debate con especialistas na biografía de Carolina Otero e en cuestións relacionadas como as agresións sexuais e as violencias cara as mulleres en xeral e continuou cun Punto Lila na Cuntis Fest, formativo e informativo sobre as agresións sexuais.
Desde este mesmo departamento municipal iniciouse un obradoiro destinado á poboación adolescente, en colaboración co CPI Aurelio Marcelino Rey García sobre "novas formas de querer para querernos" e o novidoso Proxecto Sendere, destinado tamén a adolescentes.
Conclúen as actividades cun Curso de Autodefensa para mulleres que terá lugar os días 13 e 14 de decembro no ximnasio do pavillón municipal de 16.00 a 20.00 horas.