A Xerencia asegura que esta Área Sanitaria está preparada para afrontar o coronavirus

Pontevedra
05 de marzo 2020

A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra rexeita os "intentos de poñer en entredito" o traballo do Servizo Galego de Saúde na xestión da casuística do coronavirus

Visita do conselleiro de Sanidade á nova área de Neonatoloxía no Hospital Provincial
Visita do conselleiro de Sanidade á nova área de Neonatoloxía no Hospital Provincial / Mónica Patxot

A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra rexeita os "intentos de poñer en entredito" o traballo do Servizo Galego de Saúde na xestión da casuística do coronavirus.

Nun comunicado esta Xerencia sinala que "ditas actitudes lamentables supoñen, ao mesmo tempo, minusvalorar o traballo de equipo dos profesionais da Área Sanitaria" que, segundo defende, "están preparados para afrontar a situación".

Tamén sinala que "o manexo de pacientes con sospeita de coronavirus non é diferente ao manexo doutros pacientes que diariamente se atenden no Sistema Sanitario Público galego" e que os profesionais atenden "con adicación, calidade e seguridade tanto para os usuarios coma para os propios traballadores ".

O Servizo Galego de Saúde comprometeuse co traslado inmediato a todo a persoal da área Sanitaria dos protocolos establecidos en cada momento polas Autoridades Sanitarias en relación coa casuística do coronavirus. 

Así mesmo, púxose en marcha un sistema de procesamento de mostras para poder realizar as análises nesta área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o que permite dar o resultado dos casos en estudo con máis rapidez por parte do servizo de Microbioloxía.

Tamén se remitiu a cada centro de saúde, Puntos de Atención Continuada e consultorios de Atención Primaria equipos de protección individual -dous por cada centro- para a atención, en caso necesario, de pacientes positivos.

Reforzáronse os servizos de Microbioloxía e Medicina Preventiva e tamén se activou un sistema de recollida de mostras a domicilio para evitar o traslado de pacientes en estudo aos hospitais da Área Sanitaria. Dito sistema está a funcionar desde o pasado sábado 29 de febreiro. Complementariamente, o pasado 3 de marzo mantívose unha xuntanza técnica cos Comités de Seguridade e Saúde para informar das actuacións levadas a cabo e do estado da situación.

PLAN DE CONTINXENCIA FRONTE AO CORONAVIRUS

Outra iniciativa levada a cabo nesta Área foi a elaboración e posta en marcha dun Plan de continxencia fronte ao coronavirus.

Xa na segunda quincena do pasado mes de febreiro, a Área Sanitaria designou ao Doutor Javier Paz Esquete -responsable do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra- coma interlocutor único para as cuestións do coronavirus.

SESIÓNS FORMATIVAS AO PERSOAL

No marco das medidas de actuación da Área Sanitaria, efectuáronse na última semana do pasado mes de febreiro sesións formativas ao persoal do Servizo de Limpeza, así coma o pasado martes ao Persoal do Servizo de Microbioloxía.

Coma medidas adicionais este venres, 6 de marzo manteráse en Pontevedra unha xuntanza técnica formativa interna para xefes de servizo, de unidade e coordinadores de Atención Primaria, así coma para xefes de servizos hospitalarios, supervisoras de enfermería e xefes de servizos non sanitarios -hostalería, mantemento, etc-. Dita xornada formativa sobre coronavirus correrá a cargo da Unidade de Prevención de Riscos Laborais e o Servizo de Medicina Preventiva da Área Sanitaria.

Cara á vindeira semana, todos os responsables organizarán nos seus respectivos servizos xornadas de formación do conxunto do persoal sobre o manexo do coronavirus. E a unidade de Prevención de Riscos Laborais dará seguemento a un calendario de formación sobre o manexo do coronavirus, en especial para a UCI e a unidade de Reanimación postcirúrxica, entre outras unidades asistenciais.