A WordCamp Pontevedra reunirá preto de 300 emprendedores e profesionais do desenvolvemento web

Pontevedra
16 de setembro 2024

A Facultade de Comunicación será novamente sede da WordCamp Pontevedra, un congreso que se desenvolverá entre o venres 20 e o domingo 22 e que estará centrado no xestor de software libre máis empregado para a creación de páxinas web, WordPress

Presentación da WordCamp Pontevedra
Presentación da WordCamp Pontevedra / Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación será novamente sede da WordCamp Pontevedra, un congreso que se desenvolverá entre o venres 20 e o domingo 22 e que estará centrado no xestor de software libre máis empregado para a creación de páxinas web, WordPress.

A organización prevé reunir preto de 300 persoas na quinta edición deste evento, entre profesionais do deseño e o desenvolvemento web, emprendedores, alumnado universitario e persoas interesadas en iniciarse no deseño web.

O congreso está coordinado pola comunidade WordPress Pontevedra, que a Universidade de Vigo acolle desde os seus inicios, ao abeiro dun convenio coa WordPress Foundation. 

No seu programa insírense máis dunha vintena de conferencias e talleres, que nesta ocasión porán o foco no emprendemento, así como un hackatón no que os participantes deseñarán conxuntamente as webs de tres organizacións sen ánimo de lucro.

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e a presidenta da comunidade WordPress Pontevedra, Sabela Muñiz, presentaron este luns a programación desta cita que mantén aberta a súa inscrición que conta cun prezo reducido de 10 euros para o alumnado e de 25 ou 20, segundo a modalidade, para o público xeral.