As Festas de San Roque 2024 chegan ao seu fin cos dous eventos máis multitudinarios do programa despois da Festa da Auga. Trátase do desfile de carrozas e do Combate Naval, previsto inicialmente para o sábado pero que se tivo que adiar debido á choiva.
Durante a xornada tamén se levará a cabo un espectáculo para os máis pequenos na Praza de Galicia da man da familia dos Bolechas, que combina o teatro de monicreques con actividades deportivas e educativas en galego, no gallo das Olimpíadas de París. Será a partir das 19:30 horas.
O desfile de carrozas comezará ás 21:00 horas, percorrendo varias rúas do centro urbano, que permanecerán pechadas ao tráfico durante o evento. O Concello recomenda que os condutores que planeen asistir usen os estacionamentos periféricos para evitar o acceso ao centro da cidade. Ademais, prevense restricións de acceso e saída de vehículos nalgunhas áreas.
O percorrido comeza na estación de autobuses para saír pola rúa Moreira Casal e continuar pola avenida Xoán Carlos I, rúa Gumersindo Nartallo, Praza da Independencia e rúa Edelmiro Trillo, para rematar na Praza de España.
O Combate Naval, un espectáculo pirotécnico con máis de 150 anos de historia, celebrarase ás 23:30 horas e poderá ser visto desde as praias da Concha e Compostela, así como desde o paseo marítimo. Durante este evento, prevese un gran fluxo de peóns, e recoméndase ás persoas que asistan que sigan as indicacións da Policía Local e do persoal de emerxencias, ademais de tomar precaucións para a seguridade dos nenos e a protección de pertenzas persoais.
O festival de luz e cor iluminará o ceo nocturno co disparo de 8.000 fogos de artificio de 17 tonalidades distintas.