A Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme enchen de festa Tenorio

Cerdedo-Cotobade
05 de setembro 2024

Esta parroquia de Cerdedo-Cotobade honrará á Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme os días 7, 8, 9 e 10 de setembro. O alcalde, Jorge Cubela; o tenente de alcalde Fernando Vázquez; a concelleira Maite Pichel e membros da Comisión de Festas presentaron a programación

Presentación das festas de Tenorio
Presentación das festas de Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

A fin de semana chega chea de festa a Tenorio. Esta parroquia de Cerdedo-Cotobade honrará á Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme os días 7, 8, 9 e 10 de setembro.

O alcalde, Jorge Cubela; o tenente de alcalde Fernando Vázquez; a concelleira Maite Pichel e membros da Comisión de Festas presentaron a celebración. 

A programación, deseñada por unha Comisión composta polos 16 membros do Coro Parroquial, comeza o sábado 7 de setembro ás 20.00 horas coa entrada na parroquia da Banda de Música de Cerdedo e o posterior concerto.

A partir das 20:30 horas haberá pulpeiro e, posteriormente, verbena amenizada por Marema e Oro Negro.

O domingo 8 de setembro comezará coa tirada de bombas e a partir das 10 da mañá Os Trazantes de Tenorio e a Banda de Música Unión Musical de Tenorio protagonizarán o pasarrúas.

A misa cantada polo Coro Parroquial, na honra da Virxe do Rosario, comezará ás 13 horas e, ao seu remate, haberá sesión vermú a cargo de Os Trazantes de Tenorio.
 
Ás 21:30 horas a Banda de Música Unión Musical de Tenorio ofrecerá un concerto e, a continuación, terá lugar a actuación do grupo O Son das Corbaceiras. Rematará a xornada a verbena protagonizada por Lume e a orquestra Super Top.

O luns 9 de setembro tamén haberá tirada de bombas e a partir das 10 horas, pasarrúas a cargo do Grupo Foula de Tenorio e a Banda Escola Unión Musical de Tenorio.

Ás 13 horas terá lugar unha misa cantada polo Coro Parroquial, na honra de San Roque, seguida de procesión e sesión vermú acompañada polas dúas agrupacións.

Pola noite, ás 21 horas haberá un concerto protagonizado pola Banda Escola Unión Musical de Tenorio e, posteriormente, terá lugar unha verbena amenizada por Suavecito e La Noche do Grove.

O martes 10 de setembro, a xornada festiva comezará co lanzamento de bombas de palenque; ás 10 da mañá, a charanga de Tenorio Charandonga ofrecerán o pasarrúas.

Ás 13 horas terá lugar a misa cantada polo Coro Parroquial, na honra da Virxe do Carme, seguida de procesión e sesión vermú acompañada pola citada agrupación musical.

Ás 21:30 horas actuará e amenizará a noite a Charanga Charandonga e, a continuación, terá lugar a verbena portagonizada por Costa Dorada e o grupo revelación Arizona.