A violencia xineco-obstétrica, eixo da loita de 'Mulleres diversas' este 25N

Pontevedra
23 de novembro 2023

Trátase dun tipo de violencia "moi normalizado" tanto pola sociedade como pola sanidade en xeral, que se dá durante o embarazo, parto, postparto, tratamento e control do sistema reprodutor feminino. Este ano cobra especial relevancia a reivindicación do dereito á sexualidade e maternidade das mulleres con discapacidade

Reunión do grupo 'Mulleres diversas' de Amizade
Reunión do grupo 'Mulleres diversas' de Amizade /

O grupo 'Mulleres Diversas' da asociación Amizade decidiu este ano centrar as súas reivindicacións con motivo do 25N, Día Internacional para a Erradicación da violencia sobre as mulleres, na violencia 'xineco-obstétrica".

Trátase dun tipo de violencia "moi normalizado" tanto pola sociedade como pola sanidade en xeral, que se dá durante o embarazo, parto, postparto, tratamento e control do sistema reprodutor feminino. 

Dentro desta loita, sinalan que este ano cobra especial relevancia a reivindicación do dereito á sexualidade e maternidade das mulleres con discapacidade.

'Mulleres Diversas' recalca a necesidade dunha educación sexual básica, posto que nalgúns casos se procede a tratamentos de fertilidade ou toma de medicación sen unha explicación previa do ciclo fértil da muller, por exemplo.

Tamén sinalan que obter unha información accesible e adecuada para a toma de decisións é fundamental. Desde 'Mulleres Diversas' insisten en que a persoa profesional debe saber explicar o diagnóstico ou tratamentos cunha linguaxe accesible e sinxela, asegurándose que a persoa entenda o que se lle explicou, ademais de dirixirse sempre á propia persoa, non á persoa que acompaña.

Tamén piden "non dar por feito que non poderá ser nai pola súa discapacidade" a nivel físico (sen causa médica) ou de coidados, xa que moitas veces este pensamento "xorde dos prexuízos sociais", de supoñer que non se poderá, por dicilo dalgunha maneira, coidar a outra persoa se apenas pode coidarse a si mesma.

Este grupo tamén insiste na necesidade de profesionais con coñecementos da discapacidade, e cunha visión inclusiva da mesma, sen estigmas.