A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, puxo este venres o foco sobre a violencia económica, da que asegura que "a miúdo é unha das caras máis esquecidas da violencia machista".
Foi durante a presentación dunha xornada formativa que se celebrou na Subdelegación do Goberno de Pontevedra sobre violencia económica e, en concreto, sobre unha das súas expresións máis comúns, a falta de pagamento de pensións.
A charla, impartida pola avogada Dolores Salgueiro, pecha o ciclo formativo sobre violencia de xénero organizado pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación e no que participaron case douscentos profesionais da provincia.
Larriba lembrou que, segundo recolle a Macroenquisa sobre Violencia contra a Muller, o 11,5% do total de mulleres de 16 ou máis anos residentes en España sufriu violencia económica dalgunha parella actual ou pasada nalgún momento da súa vida. Isto supón que 2,3 millóns de mulleres en España foron vítimas desta forma de violencia.
A subdelegada quixo destacar tamén a realización do primeiro estudo específico sobre a ′Violencia económica contra as mulleres nas súas relacións de parella ou ex parella′, que ten en fase de elaboración o Ministerio de Igualdade e permitirá "profundar sobre as súas causas e características, así como visibilizar esta forma de violencia tan sutil e ás veces pouco coñecida, tratando de dar voz ás mulleres que a sufriron".
Sobre o impagamento de pensións, a subdelegada lembrou que recentemente o Tribunal Supremo ratificou que esta é unha forma de violencia económica, determinando que o delito de falta de pagamento de pensión alimenticia pode e debe configurarse como unha variante da violencia económica. "Unha violencia psicolóxica e vicaria, que obvia a situación de vulnerabilidade dos menores e que ignora unha obrigación moral e natural, máis aló da xudicial", insistiu Larriba.
Maica Larriba insistiu no compromiso do actual Goberno contra a violencia machista e asegurou que "non imos descansar ata que non cheguemos sempre a tempo, ata que non erradiquemos todas as formas de violencia contra as mulleres".