Juan José Díaz tomou posesión este martes do seu cargo como novo responsable da comisaría provincial da Policía Nacional de Pontevedra. Era unha responsabilidade que, de maneira provisional, levaba exercendo desde hai case seis meses.
O novo comisario recibiu o bastón de mando de mans do xefe superior de Policía en Galicia, Ramón Gómez Nieto, nun acto celebrado na Subdelegación do Goberno, ao que acudiron numerosas autoridades institucionais, xudiciais e militares da provincia.
De Juan José Díaz, Gómez Nieto destacou a súa "vocación de liderado" e o "gran coñecemento" que ten da realidade da provincia, tras 26 anos como policía nacional, dez deles nas comisarías de Marín, Vilagarcía de Arousa e Vigo.
Entre os "desafíos" que deberá afrontar no seu novo posto, a máxima autoridade da Policía Nacional en Galicia citou a "responsabilidade" de coordinar o traballo dos máis de mil axentes que este corpo policial ten na provincia de Pontevedra.
Lembrou ademais que a Policía debe velar pola seguridade de máis de 470.000 habitantes das áreas de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, unha zona "moi extensa" e na que se asenta un gran tecido industrial, ao que sumou competencias en estranxeiría ou fronteiras.
"Estou convencido de que afrontará todos os restos de forma exitosa", sinalou o xefe superior en Galicia, que subliñou que Pontevedra está por baixo da media nacional en infraccións penais, algo que non debe facerlles caer na "autocompracencia".
Por iso é polo que ao novo comisario pediulle que "teña como horizonte" mellorar aínda máis estes resultados "porque iso redundará nunha maior seguridade para a cidadanía".
Tras xurar o seu cargo sobre a Constitución, Juan José Díaz agradeceu a confianza que a Policía Nacional depositou nel e asegurou que asume o seu posto como comisario provincial "con moita ilusión", esperando estar "á altura de tan alta responsabilidade".
Na súa intervención, o novo titular da comisaría pontevedresa destacou que, nunha contorna como a actual, que cualificou como "volátil, incerta, complexa e ambigua", o traballo policial debe aferrarse a dous piares, a transformación dixital e a formación.
O incremento da presenza policial na rúa, a loita contra a violencia de xénero, a ciberdelincuencia, a protección dos colectivos vulnerables ou as novas modalidades da delincuencia organizada serán "obxectivos prioritarios" do seu traballo como comisario.
"Atacar o armazón financeiro" das redes criminais será outra das liñas de traballo dun proxecto "moderno" que poderá despregar grazas a un equipo humano "novo, ilusionado e moi preparado", dispostos a implementar cambios para mellorar a atención ao cidadán.
Para todo iso, o comisario pediu a colaboración de todas as unidades da Policía Nacional en Pontevedra, dos concellos sobre os que teñen competencias ou das empresas e comerciantes ou das asociacións sociais da provincia.
"O noso éxito irá sempre en función dos niveis de seguridade que sexamos capaces de achegar aos veciños", apuntou Díaz, que prometeu "traballo, honradez e honestidade" no desempeño do seu cargo "sen fisuras nin sobresaltos pero con determinación".
Á toma de posesión do novo comisario, entre outras autoridades, acudiron os alcaldes de Pontevedra e Marín, Miguel Anxo Fernández Lores e María Ramallo, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
Esta última foi a encargada de pechar o acto ofrecendo o "total apoio" do Goberno e, en particular da Subdelegación de Pontevedra, ao novo responsable da comisaría provincial, ao que lle lembrou a "vocación de servizo público" que debe guiar toda actuación policial.
A Díaz, segundo Larriba, aválao "o seu extraordinario traballo, a súa ampla experiencia e o seu bo desempeño". Nesta nova responsabilidade "non estará só #ante os desafíos", xa que a subdelegada destacou que a seguridade da provincia "é unha tarefa compartida".