A vindeira semana comezarán as obras no núcleo do Xuviño, en Combarro

Poio
05 de xaneiro 2023

A actuación inclúe medidas en favor da seguridade peonil, a redución da pegada de carbono e a consolidación da mobilidade sostible e universal, cun "absoluto respecto pola contorna"

A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo
A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo / Concello de Poio

A principios da vindeira semana está previsto o inicio dos traballos de mellora e posta en valor do núcleo tradicional do Xuviño, pertencente á parroquia de Combarro. 

Trátase dunha actuación que foi adxudicada á empresa EC Casas cun orzamento total que supera os 280.000 euros e que se financia a través de fondos obtidos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). 

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, estima que a duración da obra será aproximadamente de catro meses. "O proxecto vai supoñer unha importante transformación para unha das zonas máis peculiares e emblemáticas do rural de Combarro", sinala o concelleiro do Goberno municipal, que garante que a actuación contempla a renovación de servizos básicos e a consolidación da mobilidade sostible e universal. 

"É unha obra ambiciosa, que cumpre coa nosa filosofía de recuperar e poñer en valor os núcleos tradicionais, ao tempo que os consolidamos como lugares seguros para a seguridade peonil e con todos os servizos operativos", afirma Agís Gómez, que pon como exemplo os traballos desenvoltos en lugares como A Seara (San Xoán) ou Caneliñas (Raxó), así como os que se están a levar a cabo en Saíñas, Portosanto e A Puntada (San Salvador) dentro desta folla de ruta.

Deste xeito, a singularidade do Xuviño "non se verá afectada". Gregorio Agís lembra que o proxecto foi presentado no seu día ante a veciñanza do rural, que deu "o seu visto bo para esta reforma tan necesaria". 

O edil de Promoción Económica e Urbanismo agradece a comprensión dos residentes durante os meses que dure a actuación, que "intentaremos que perturben o menos posible o seu día a día. En todo caso, estamos convencidos de que o resultado final pagará a pena".

A obra servirá para reforzar a seguridade peonil, a través da dotación dunha plataforma única, ao tempo que se garante a mobilidade sostible e universal, eliminando barreiras arquitectónicas, e se reduce a pegada de carbono. Todo isto respectando a peculiaridade do núcleo desde o punto de vista da súa arquitectura e tradición. A actuación tamén incluirá, asemade, a dotación e renovación completa dos servizos básicos no lugar, así como a instalación do alumeado.