A vindeira semana comeza a remodelación do Paseo Alcalde Blanco

Marín
21 de novembro 2020

Finalmente será a UTE Prace – Emergis Construcciones a que se encargará de realizar este proyecto, que cambiará radicalmente a relación do núcleo urbano de Marín con este espazo público e coa súa fachada litora

María Ramallo, Manuel Santos e Marián Sanmartín
María Ramallo, Manuel Santos e Marián Sanmartín / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou este venres que a remodelación do Paseo Alcalde Blanco comezará a vindeira semana.

Ramallo fixo este anuncio durante unha visita ás obras de humanización da Avenida de Ourense, na que explicou que foi necesario volver licitar as obras do Alcalde Blanco por mor dunha renuncia por parte da empresa inicialmente adxudicataria.

Deste xeito, finalmente será a UTE Prace – Emergis Construcciones a que se encargará de realizar este proyecto, que cambiará radicalmente a relación do núcleo urbano de Marín con este espazo público e coa súa fachada litoral.

Con esta obra, o Paseo Alcalde Blanco converterase "nese gran nexo que precisamos co mar, recuperando un espazo que a día de hoxe está inconcluso e que, a pesar de que xa é moi utilizado pola veciñanza, pode dar aínda moito máis de si", en palabras da alcaldesa, María Ramallo.

A compoñente paisaxística será a gran protagonista da humanización do paseo, cunha mellor integración entre este e a zona na que se ubicará o Auditorio (onde actualmente está a balsa de aparcadoiro), así como co resto do casco urbano de Marín. "Queremos crear espazos agradables, de esparexemento para os nosos veciños e veciñas, aproveitando todos os recursos que temos e a nosa espectacular paisaxe", engadiu a alcaldesa.

Tal e como se detalla na memoria do proxecto, na punta do paseo crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén se habilitarán pequenos miradoiros. Precisamente, as obras que comezarán a vindeira semana faráno nesta parte da intervención urbanística.

Asemade, o proxecto contempla a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo. Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil, xogos acuáticos, entre outros.

Ademais, a humanización deste paseo suporá tamén a implementación dun novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado ca contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian facer uso del.

O prazo de execución das obras é de sete meses, a contar desde a comprobación do replantexo e o orzamento total ascende a 1.312.653 euros (sen IVE).