A vila de Bueu vivirá este sábado, 29 de abril, un día ateigado de ciencia e arte, pois o IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu promoven o II Festival Artístico Solidario 'Art for Change', no que colabora toda a comunidade educativa, as asociacións de nais e pais da vila, os centros educativos e diversos colectivos da comarca.
Ao longo de toda a xornada estenderanse na carpa da Praza Massó as actividades a través das cales se achegará a ciencia e a arte aos diversos sectores da cidadanía, e coas que tamén se recadarán fondos para as asociacións Save the Children e 13 grados.
Este luns celebrouse na biblioteca do instituto a rolda de prensa de presentación do programa, na que a directora Asun Sóñora salientou que "Bueu funciona coma un todo, pois neste evento e noutros sempre contamos coa colaboración entre diversas asociacións e colectivos".
'Art for Change' ten como finalidade apoiar entidades culturais e artísticas que queiran desenvolver proxectos que impliquen a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade ou persoas dunha mesma contorna, co obxectivo de favorecer os procesos de transformación social a través do arte e da cultura.
Na feira haberá actividades de música, poesía, experimentos, lingua de signos, teatro, xogos, baile tradicional, pintacaras, e moito máis.
Esta iniciativa insírese no marco do proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture Of Oceans (OCCO), e pretende ser un escaparate destes dous eidos, o científico e o das artes.
Dende as oito da mañá, a Asociación Cunchas e Flores confeccionarán na Praza Massó unha alfombra floral. A apertura oficial do festival terá lugar o sábado ás 12 horas coa inauguración na carpa da Praza Massó, e ás 12.30 horas desenvolverase a obra de teatro–coreografía "O mar que nos move".
A esa mesma hora, pero no Centro Social do Mar, poderase seguir a conferencia "Gaitas do mundo" de Fernando Molpeceres e a presentación do libro Temperando. Ás 13 horas haberá poesía na rúa e a performance "Ninguén é ilegal", esta no exterior do Centro Social do Mar, para pechar na carpa con micro aberto de música a partir das 13.30 horas.
Pola tarde, a partir das 16 horas As Mosas do Hío interpretarán varias pezas populares a ritmo de pandeireta, e ás 17.30 horas poderase aprender baile galego con Peis d’hos. O Museo Massó tamén colabora con esta feira, e ofrecerá dous obradoiros infantís, un titulado "O que o mar non quere" para nenos de 5 a 9 anos, e outro de "Origami mariño", para a cativada de 6 a 12 anos, que terán lugar ás 17 e 18 horas respectivamente (estes talleres precisan de inscrición previa en 886151101 e en museo.masso@xunta.gal ).
A carpa pechará ás 19 horas, pero as actividades continuarán noutros lugares: ás 19.30 horas, os grupos Napalm e Sons of Asgard actuarán no escenario exterior do Centro Social do Mar, e ás 21.00 horas, representaranse as obras de teatro "Aquí ninguén chora" e "O xuízo".
XXV MOSTRA DE TEATRO DO ENSINO SECUNDARIO DO MORRAZO
No acto de hoxe tamén se aproveitou para presentar a XXV Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo, que este ano se celebra no IES Johan Carballeira do mércores ao venres.
A inauguración será o mércores ás 9.30 horas no salón de actos do centro, e a continuación desenvolveranse as representacións teatrais programadas: "Nesta obra ninguén chora" do grupo Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira, poderase ver ás 10 horas; e "O Xuízo", do Colexio Eduardo Pondal, ás 12 horas.
O xoves, a Aula de Teatro San Narciso, interpretará ás 10 horas "O futuro ao outro lado do espello", e o Obradoiro de Teatro María Soliño deleitaranos con "O enigma do doutor Mabuso" ás 12 horas.
A clausura será o venres coa entrega de premios do concurso de carteis, que este ano recaeron en Fabiola Castro, do IES Johan Carballeira, na modalidade de ESO, e Cayetana Cayo, do IES As Barzas, na de Bacharelato. Ás 12 horas Luzazul interpretará a obra "Alicia".