A mellor tapa de toda Galicia sérvese en Pontevedra. O cociñeiro Rubén González, responsable de El Cafetín, volveu a gañar o certame De Tapas por Galicia, que reúne aos gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. É a segunda vez que consigue o triunfo -lográrao xa en 2016- nos catro anos de vida deste evento.
O xurado profesional da gala celebrada nun hotel de Santiago de Compostela, formado por cinco profesionais relacionados co turismo e a gastronomía, considerou que o seu petisco, Vieira afumada con carballo e loureiro sobre arroz de algas, foi o mellor das sete propostas elaboradas polos chefs finalistas.
Rubén González convértese, así, no Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2018. Ademais, fíxose tamén co premio do xurado popular, ao ser o máis votado polo público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, e que valorou tanto a presentación como o sabor de cada unha das receitas.
Os votos do público situaron en segundo lugar a tapa de Alejandro Martínez Lázare, de Lugo (Arrozaría Os Cachivaches) e, en terceiro posto, a de Rafael Pérez Iglesias, de Vigo (La Carpintería).
A gala showcooking De Tapas por Galicia forma parte das accións de Turismo de Galicia para a difusión da creatividade dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano.
No evento, os cociñeiros participantes remataron a elaboración dos seus pratos en directo, explicando o seu proceso de creación.
No caso do chef pontevedrés, era unha vieira mariñada en auga de mar que descansa sobre un taco de arroz glutinoso con algas wakame, kombu e espirulina, contrastado cuns puntos de emulsión de ourizo, cristais de soia e ovas de wasabi.
O conxunto, que se acompaña dun crocante de arroz, preséntase tapado e afumado con madeira de carballo e loureiro