Se tes entre 18 e 40 anos e non tes ningunha enfermidade grave ou transmisible, a priori, es un potencial doante de medula ósea. Será un xesto anónimo, altruísta e voluntario co que poderás salvar vidas. Unha delas pode ser a de Estefanía Blanco Pena, unha moza de 36 anos que leva mes e medio esperando un transplante para tratar a leucemia mieloide aguda que lle diagnosticaron en febreiro de 2023.
Tras un tempo ingresada no Hospital Montecelo para recibir un ciclo de quimioterapia "para gañar tempo ata que chegue o transplante", recibiu o alta o pasado sábado, 30 de marzo. Está débil, pero "estaba a recuperar un pouco", de modo que lle deixan estar na casa e acudir cada dous ou tres días ao hospital para facerlle seguimento.
Desde casa fálanos o seu marido, Luis Miguel Diaz, pois ela atópase débil aínda. El exerce de portavoz e, desde hai mes e medio, lidera unha campaña para incentivar as doazóns de medula ósea, "fundamentalmente, para mellorar as posibilidades de que haxa un doante compatible" para a súa esposa, pero, en xeral, para "axudar a moitas outras persoas que están na mesma situación".
Neste tempo que leva "facendo ruído" para promover as doazóns atopouse con que "a xente non pensaba que fose tan sinxelo doar medulas. E está a centrar os seus esforzos en difundir que "é case como unha doazón de sangue normal".
"É case como unha doazón de sangue normal. Fas a doazón, levántaste, vas á túa casa e salvaches unha vida"
Así, existen dúas maneiras para a doazón das células nai necesarias para un transplante. A máis habitual é similar á doazón de sangue. Ao doante adminístranselle uns fármacos inyectables durante 4 ou 5 días e logo realízanlle unha ou dúas sesións de doazón mediante aférese, sen necesidade de ingresar no hospital. "E xa está, fas a doazón, levántaste, vas á túa casa e salvaches unha vida", resume Luis Miguel.
A ese xesto aférranse todas as esperanzas de Estefanía e Luis, pero, para que chegue, ten que aparecer un doante compatible. Aproximadamente, o 70% dos pacientes que necesitan un transplante non teñen un doante familiar compatible. Tampouco ela. De modo que, cando en febreiro souberon que necesitaba un doante comezou a procura a través do Redmo (Rexistro español de doantes de medula ósea).
De momento, non deu resultados, pero descoñecen como vai o proceso, pois os especialistas non queren xerar falsas expectativas e son trámites longos. Todas aquelas persoas que queren ser doantes, están rexistradas en Redmo e analízanse os perfís, logo realízanse análises dos candidatos compatibles e confírmase que, efectivamente, poidan doar. Se na base española non aparecen, vaise á internacional e ao, ao final, "todo se alonga", lamenta Luis.
A espera está a desesperalos. "O tempo xoga na nosa contra", sinala o marido de Estefanía, xa cansado de tantos sufrimento da súa esposa. A dor chegou xa co diagnóstico, pois ela estaba embarazada de dous meses e tivo que abortar, e continuou con meses de tratamento que alteraron por completo a súa vida e complicouse hai mes e medio coa recaída que agora a aboca a un transplante.
"Levamos ano e pico e faise duro e, encima, a incerteza do transplante"
Este matrimonio vivía na Coruña e mudouse a Pontevedra para poder organizarse mellor e ter a alguén que coide ao seu fillo, Liam, que en abril cumprirá dous anos e medio. Desde entón, apenas lle viron, pois encadeou varios ciclos de quimioterapia "moi fortes" e un autotrasplante o pasado verán e todos eses tratamentos requiren illamento.
"Xa empezamos mal, co aborto e o diagnóstico", rememora coa voz crebada a través do teléfono. Logo mesmo foi a peor. "Levamos ano e pico e faise duro e, encima, a incerteza do transplante". E é que "agora mesmo, a única posibilidade que temos é que apareza un doante" e "non sabemos canto tempo temos" e canto aguantará grazas a este último ciclo de quimioterapia "para gañar tempo".
Ese illamento é o que peor levan, pois, aínda cando están na casa e non non no hospital, mantéñense case nunha burbulla, para evitar infeccións e posibles complicacións. Como resultado, o seu fillo está cos avós e "vímolo moi pouquiño" e veno máis por videollamada que en persoa.
O domingo, tras darlle o alta, pensaban reencontrarse con el, pero foi el o que se puxo enfermo e tivo que acudir ao médico, de modo que agora terán que esperar a que se recupere para poder abrazarlle. Unha espera máis e máis tempo sen velo crecer. "Para que te fagas unha idea, non vin como empezaba a camiñar", lamenta Luis Miguel.
O neno "lévao bastante ben para a idade que ten" e "está a madurar ás alancadas", con reaccións moito máis maduras do que se podía pensar na súa idade. Aínda así, déixalles anécdotas como a de hai uns meses, antes dun novo ingreso. "Sacaba a roupa da bolsa para que non marchásemos".
En Galicia, o centro de referencia de doantes de medula ósea é a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. As persoas interesadas poden chamar ao número de atención ao doante 900 100 828 de ADOS onde recibirán a explicación e documentación detallada, ao 900 102 688 ou a través da páxina web http://galicia.medulaosea.org. Recheas un formulario, envíanche un kit de saliva a casa e xa estás dentro.