A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra pon en marcha un ambicioso programa de actividades co obxectivo de "impulsar a actividade física, en primeiro lugar, e en segundo, consolidala", manifestaba o concelleiro responsable desta área Tino Fernández.
Baixo o título de ‘A Vida é Movernos’, este martes facíase unha presentación pública na praza de España das actividades deportivas para todos os públicos que o Concello desenvolverá ata final de ano, e con intención de darlle continuidade no 2022.
A iniciativa abranguerá un amplo e variado programa de accións, entre as que se inclúen clases e exhibicións de danza urbana, hip hop, break dance, ioga e pilates, andainas de marcha nórdica e obradoiros de tratamento do estrés e a ansiedade, risoterapia, reanimación cardiopulmonar e prevención de ictus e patoloxías do corazón, así como charlas sobre ludopatías e condutas adictivas.
A primeira actividade arrincará este venres 2 xullo. Na praza de España, ás 19:00 horas, terá lugar un espectáculo de hip hop e danza urbana no que as persoas que asistan poderán desfrutar da actividade como espectadores ou ben animarse a participar nalgún dos bailes. Como avance deste evento, á presentación do programa asistiron os bailaríns e coreógrafos Verónica Aboy e Luciano Gomes e un grupo de alumnas da súa escola de danza Getting Jiggy Dance Studio, que será a que organice a actividade do venres, e que ofreceron unha mostra das animadas coreografías que se adaptarán para dar cabida a diferentes idades.
Segundo indicaba o concelleiro Tino Fernández, "é o momento de recuperar a rúa como espazo de encontro e de práctica de exercicio e actividade física saudable ao aire libre", xa que supón "un elemento indispensable para manter unha boa saúde e calidade de vida e previr a aparición de enfermidades vencelladas co sedentarismo". Neste sentido, xa anunciou que ademais da recuperación de espazos da cidade para a práctica do exercicio físico como rúas, prazas ou paseos, está en proxecto dinamizar outras zonas coa iniciativa ‘Metrosan’ a través de andainas, rutas en bicicleta ou na compaña de cans.
MARCHA NÓRDICA E IOGA
No mes de xullo, o programa continuará con seis sesións de marcha nórdica e seis clases de ioga. A información das diferentes actividades irase anunciando na páxina Pontevedrate, do Concello de Pontevedra.
A actividade de marcha nórdica, consistente en camiñar con bastóns parecidos aos que se usan no esquí, estará coordinada por Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias do Deporte e especialista universitario en marcha nórdica, e levarase a cabo en seis sesións de aprendizaxe desta técnica cun máximo de 30 participantes por xornada e 15 por grupo: os luns 12, 19 e 26 de xullo e os venres 16, 23 e 30 de xullo, en horario de mañá, cun grupo de 10:00 a 11:30 horas e outro de 11:45 a 13:15 horas.
Marcha Nórdica Galicia, a firma organizadora, dispón dunha dirección de correo electrónico ([email protected]), un teléfono de contacto (629 031 905) e unha páxina web (www.marchanordicagalicia.com) para poder tramitar as inscricións e obter máis información sobre esta actividade, que inclúe seguro de accidentes e uso gratuíto de bastóns para tódolos participantes, ademais de todas as medidas sanitarias para previr contaxios por Covid
Na Alameda desenvolveranse as clases de ioga taoísta, impartidas por Dinorah Batallán, instrutora autorizada do Sistema Yuan Tao. Disporán de seguro de responsabilidade civil, xel desinfectante, botellas de auga individuais e unha vintena de esteiras desinfectadas, aínda que se recomenda que cada participante leve a súa.