O programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes e Saúde, regresará ás rúas o domingo 3 de xullo cunha actividade na que convida á cidadanía pontevedresa a "ghastar pista".
A actividade combinará baile, andaina, tonificación e estiramentos. Baixo a coordinación de tres monitores e dous axudantes e organizada en colaboración coa Escola de Baile PonteBaile de Adrián Esperón, búscase conxugar saúde e diversión nun dinámico roteiro que partirá da Ponte do Burgo ás 10 horas, inaugurándose neste escenario con media hora de quecemento físico dirixido a través da danza.
Tras unha camiñada de 4,6 kilómetros rumbo ás Corvaceiras e á Illa das Esculturas, seguindo o itinerario indicado no mapa do MetroSán, realizarase unha nova parada para desenvolver unha aula de tonificación dirixida duns 20 minutos.
Desde ese punto, o grupo retomará a andaina cara ao balneario do Lérez e a pasarela peonil, percorrendo outros 8,5 kilómetros (o tempo estimado para este treito é de dúas horas e media). O traxecto pecharase cunha sesión dirixida de estiramentos, perfecta para regresar a casa relaxados, rematando arredor das 13 horas.
Todas aquelas persoas que desexen participar nesta actividade de A Vida é Movernos poderán inscribirse a través do email [email protected]. A organización achegará un equipo de megafonía para dispoñer de música e dun micrófono, botellas de auga e unha papeleira de reciclaxe.