A vida da curandeira Rosa Malvar Sanmartín, contada en TikTok por Sara Seco

Pontevedra
28 de xuño 2022

É o terceiro vídeo en TikTok para seguir narrando 'A Memoria das Mulleres' de Pontevedra. A creadora Sara Seco (@sarasecorial) mestura distintos elementos na súa nova peza e cociña unhas rosquillas á vez que conta a vida de Rosa Malvar Sanmartín

Vídeo da creadora Sara Seco para 'A Memoria das Mulleres'
Vídeo da creadora Sara Seco para 'A Memoria das Mulleres' / TikTok

A concellería de Patrimonio e Memoria Histórica puxo en marcha o pasado mes de abril, dentro do programa 'A Memoria das Mulleres', un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas. 

Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web www.dogrisaovioleta.gal.

Hai apenas un par de días, foi a estrea nesta tempada de Sara Seco, que publicou o seu vídeo adicado á vida de Rosa Malvar Sanmartín, pontevedresa que comezou vendendo rosquillas e licores nas feiras coa nai, mais logo aprendeu a coser e andou de costureira polas casas. Aos 30 anos, no camiño de volta do traballo, caeulle ao chan a máquina de coser que levaba na cabeza e interpretou o feito como un aviso das ánimas para actuar de intermediaria. Desde ese intre exerceu como curandeira e adiviña.

Na peza audiovisual, a creadora aposta por mesturar conceptos como a divulgación narrada ao tempo que elabora unhas rosquillas coa idea de que a xente poida emular a receita e faga tamén na casa a mesma sobremesa, homenaxeando as rosquillas que Rosa Malvar Sanmartín vendía no seu primeiro treito de vida.

O vídeo está a gozar dun éxito evidente, con case 17 mil reproducións xunto con ducias de comentarios e centos de interacións; amais de se compartir noutras redes sociais alén da plataforma orixinal na que foi publicado, TikTok.

Nado no ano 2013, da man do Concello de Pontevedra, o proxecto  'A Memoria das Mulleres' ten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.