A vella estación de tren, o antigo cárcere, Aurora Vidal... os símbolos de Campolongo feitos mural

Pontevedra
10 de xaneiro 2021

Este domingo pódese ver desde o exterior unha imaxe que alumnado e profesorado poderán gozar xa este luns cando asistan ás súas clases: a homenaxe do centro ao seu propio barrio e á súa profesora Aurora Vidal. O mural elaborouno Polo Correo do Vento dentro do programa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna'

Novo mural do CEIP Campolongo
Novo mural do CEIP Campolongo / Concello de Pontevedra

O colexio Campolongo de Pontevedra xa presume de mural. Este domingo pódese ver desde o exterior unha imaxe que alumnado e profesorado poderán gozar xa este luns cando asistan ás súas clases: a homenaxe do centro ao seu propio barrio e á súa profesora Aurora Vidal. 

O mural, elaborado por Polo Correo do Vento dentro do programa 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna' que impulsa a Concellería de Educación, recolle algún dos edificios máis representativos do barrio como o antigo Pazo de Campolongo (Paco Leis), a vella estación de ferrocarril ou o antigo cárcere (a actual Audiencia Provincial). 

Ademais, a obra de Kike Mauricio e Carlos Taboada representa outros elementos representativos de Campolongo como as prácticas deportivas que se realizaban nas pistas adxacentes ao colexio, o río dos Gafos e o seu lavadoiro, as camelias coas que tanto traballan no colexio e unha pega das que abondan neste barrio.

Non falta a imaxe da mestra, poeta e académica pontevedresa Aurora Vidal, que se xubilou neste centro educativo.

Este programa de creación de murais lévase a cabo nos centros CEIP San Benito de Lérez, San Martiño, A Xunqueira I, Cabanas, Santo André de Xeve, Álvarez Limeses, A Xunqueira II, Parada-Campañó, Manuel Vidal Portela, Froebel e Ponte Sampaio; o CEP Marcos da Portela, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey.