A veciñanza de Vilaboa traslada as súas peticións para mellorar na canalización das augas pluviais da A-57

Vilaboa
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A primeira fase da autovía supón un investimento estatal de preto de 80 millóns de euros e conecta Vilaboa con Marcón, en Pontevedra

O subdelegado do Goberno visitou o tramo da A-57 no termo municipal de Vilaboa
O subdelegado do Goberno visitou o tramo da A-57 no termo municipal de Vilaboa / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse este mércores ao tramo da A-57 no termo municipal de Vilaboa, para supervisar, xunto co alcalde, César Poza, e unha representación veciñal as actuacións levadas a cabo para mellorar a rede de tratamento de augas pluviais derivadas das obras deste primeiro tramo da autovía.

Abel Losada explicou que quixo cumprir co compromiso de "pisar o terreo" coa veciñanza para coñecer persoalmente as demandas relativas á optimización das canalizacións e escorrentías co obxecto de evitar o anegamento de propiedades e minimizar molestias innecesarias "porque a maior parte das cousas que nos pediron son moi razoables".

Durante a visita ás obras, na que tamén participou o xefe provincial de Estradas, Pablo Domínguez, o subdelegado incidiu en que "este Goberno é un Goberno que escoita e, polo tanto trataremos sempre de atender as demandas veciñais en proxectos tan complexos como é o da A-57, que discorre pola ladeira do monte da Fracha e debe xestionar adecuadamente toda a auga que baixa". Ademais, atendéronse cuestións relativas á mellora da "mangueira" que leva a auga a algunha fonte, así como reparación de camiños e accesos a fincas afectados polas obras.

VIVENDAS

O subdelegado do Goberno aproveitou a visita para recoller a relación recompilada polo Concello de Vilaboa en relación a danos sufridos en vivendas no verán de 2021 como consecuencia das voaduras para a fase de desmonte. Así, informou de que nos próximos días persoal técnico visitará as vivendas para supervisar os posibles danos e realizar unha valoración e determinar a causalidade. 

"Falaron de fendas, tellas ou azulexos rotos e todo iso hai que velo e telo en conta porque á xente tomouse a molestia de apuntarse nunha lista e iso hai que respectalo". En todo caso, engadiu, xa hai algunha resolución xudicial polo que parte desas reclamacións xa se decidiron por esa vía.

A primeira fase da A-57, autovía de circunvalación de Pontevedra, abrangue o tramo entre Vilaboa e o cruce da Ermida, en Pontevedra cunha lonxitude de 6 Km. Está na parte final da súa execución e supuxo un investimento do Goberno de España de preto de 80 millóns de euros.

Arquivado en