Nun escrito presentado a través do rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra, a veciñanza de Salcedo ven de solicitar a mellora da estrada provincial EP-0012 entre as inmediacións do centro comercial Carrefour e o CEIP San Martiño.
O documento, subscrito por un centenar de usuarios e veciños, pola ANPA do CEIP San Martiño (conformada por 95 familias), e pola Asociación de Veciños Salcedo Norte, denuncia o "estado de abandono e a inacción da Deputación de Pontevedra" para a mellora do tránsito e a seguridade nesta vía.
Segundo a veciñanza, as características da estrada EP-0012, no tramo que vai dende as inmediacións do centro comercial Carrefour ao cruce da subida ao CEIP San Martiño, "fan desta vía un perigo para a integridade dos numerosos peóns que a diario se desprazan pola mesma". Particularmente, sinalan, para as persoas que se desprazan a diario a pé cara o colexio e o centro de Pontevedra.
"A gran velocidade a que transitan os vehículos, a falta de sistemas de canalización da auga os días de choiva, a carencia de beirarrúas e o deficiente pintado e sinalización dalgunhas zonas fan a miúdo imposible o tránsito para os peóns polas marxes da EP-0012 no treito indicado", afirman no seu escrito.
Sobre a base da diagnose descrita, a veciñanza de Salcedo solicita á Deputación de Pontevedra a mellora inmediata da estrada a través humanización do tramo coa dotación de sistemas de canalización de pluviais e construción de beirarrúas. Tamén demandan a instalación e construción de sistemas de calmado do tráfico e pasos de peóns.