A veciñanza de Campelo expón aos técnicos as súas dúbidas sobre o proxecto da EP-0601

Poio
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Técnicos do proxecto de humanización da EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, atenderon, unha a unha e durante todo o día, as principais dúbidas e opinións da veciñanza que se achegou este martes ata o Local Social

Reunión de veciños de Campelo cos técnicos
Reunión de veciños de Campelo cos técnicos / Concello de Poio

Técnicos do proxecto de humanización da EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, atenderon, unha a unha e durante todo o día, as principais dúbidas da veciñanza que se achegou este martes ata o Local Social.

O obxectivo desta reunión é escoitar as opinións das persoas que viven no lugar, xa que si é necesario cambiar algo no proxecto, o momento de facelo é agora. 

O alcalde, Ángel Moldes, conta co compromiso da Deputación de Pontevedra para adaptalo ás necesidades reais de Campelo. 

Con todo, no goberno local aínda que son conscientes de que redactar un proxecto que guste a todos os veciños é complicado, entenden que si pode incluír a opinión da maioría e, sobre todo, evitar que provoque novos problemas.

Entre outras cuestións particulares de cada veciño, as principais dúbidas do proxecto radican nunha rotonda e a alternativa que se propón para o sentido único de circulación, xa que tal e como está o proxecto redactado desvía o tráfico polo camiño dos Mouchos, unha vía que non ten capacidade para asumir ese fluxo de coches.

Agora, os técnicos analizarán polo miúdo as propostas e problemáticas que lles trasladaron os veciños durante toda a xornada, intentando buscar unha solución que mellore a proposta actual.

O proxecto require un investimento de 3 millóns de euros, e afecta a un tramo de 1,8 quilómetros de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.

COMEDOR ESCOLAR DO ISIDORA RIESTRA

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou este martes unha axuda de 1.666 euros para financiar parte do comedor escolar do CEIP Isidora Riestra, entre decembro e febreiro. Así, segundo o convenio anual asinado entre o Concello de Poio coas ANPAS, outórgase unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación.

Aínda que o convenio asínase para todo o curso escolar, o pago das subvencións realízanse segundo cada asociación vaia presentando a súa xustificación, de xeito que pode ser trimestral, semestral ou ao final do curso, segundo sexa vontade de cada anpa.

En decembro, o comedor do Isidora Riestra repartiu un total de 272 menús, mentres que en xaneiro foron 433 comidas e en febreiro, 406. 

Esta axuda de 1.666 euros que se aprobou esta mañá súmase aos 2.065 euros que xa recibiu a ANPA polo funcionamento do comedor entre setembro e novembro.

O CEIP Isidora Riestra é un dos tres centros escolares de Poio que conta con este servizo. No caso do Isidora Riestra, este servizo púxose en funcionamento este curso escolar e está sendo un éxito de participación. De feito, desde o inicio xa se incrementou de xeito importante o número de inscritos. O comedor comezou a funcionar con 9 nenos e hoxe contan con 40 crianzas anotadas.