A variante de Alba terá dous carrís pero será "ampliable" a catro

Pontevedra
09 de xaneiro 2018

Servir de conexión entre as estradas a Vilagarcía e Caldas, funcionando como alternativa á estrada PO-225 que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano. É o obxectivo da coñecida como variante de Alba

Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba
Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba / Mónica Patxot

Servir de conexión entre as estradas a Vilagarcía e Caldas, funcionando como alternativa á estrada PO-225 que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano. É o obxectivo da coñecida como variante de Alba.

A Xunta vén de licitar o contrato para redactar o seu proxecto construtivo. A este trámite, o goberno galego destina máis de 252.000 euros, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia deste martes.

As empresas interesadas nesta actuación, que ten un prazo de execución de doce meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de xaneiro.

A variante custará uns 5 millóns de euros. É, segundo destaca a Xunta, unha estrada "estratéxica" para a vertebración da rede viaria de Pontevedra.

Os pregos técnicos sinalan que a variante contará con dous carrís de circulación, pero coa posibilidade de poder ampliarse a catro. No deseño, ademais, terán prioridade as propostas que minimicen o impacto social da estrada.

A variante partirá da actual rotonda da PO-225 en Alba. Un punto sensible será a conexión da nova vía coa N-550, a estrada entre Pontevedra e Caldas, en Cerponzóns. A Xunta require ás empresas que analicen a viabilidade de construír unha ligazón a distinto nivel da vía existente na actualidade.

Con respecto ao seu trazado, a consellería de Infraestruturas e Vivenda mantivo diversas xuntanzas cos veciños das parroquias afectadas na busca do "máximo nivel de consenso", de forma que as consideracións formuladas polos veciños sexan atendidas na medida do posible.

Arquivado en