O proxecto da variante de Alba, paralizado pola Xunta tras o rexeitamento veciñal, é un "tema acabado" para o Concello. Así o sinalou este xoves César Mosquera, responsable municipal de infraestruturas, que lamentou que o goberno galego " non quere facela".
"O Concello entende que a Xunta ten decidido non facela", explicou Mosquera, polo que o goberno municipal non dará máis pasos para tratar de desbloquear esta situación.
O edil do BNG reiterou que o responsable desta infraestrutura errada é o executivo autonómico que, coa decisión de paralizar o proxecto e pedir un novo trazado ao Concello, "recoñecen", ao seu xuízo, que son "perfectamente inútiles".
O trazado proposto, lembrou Mosquera, foi defendido pola Xunta como o "único viable" e, tras anos de tramitación, "agora recoñecen que é malo".
"Se a Xunta está contenta coa PO-225 non podemos facer nada", engadiu.
Esta resposta chegou horas despois de que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, garantise que a variante de Alba, co trazado rexeitado polos veciños e polo propio Concello, "non se vai a facer" e instase ao goberno municipal a buscar o consenso cun novo itinerario que una a PO-531 coa N-550.
"Pouco ten que ver o lío veciñal de Campañó co de Praceres", sinalou Rueda en referencia á oposición á ampliación da EDAR
"Non é un problema de orzamento", destacou Rueda, que reiterou que a variante non pode seguir adiante "con tanta oposición veciñal" en Campañó.
O vicepresidente galego, con todo, entende que esta situación "non é comparable" coa que vive Praceres coa ampliación da depuradora. "Pouco ten que ver o lío veciñal de Campañó co de Praceres", sinalou.
Rueda entende que "non é o mesmo" o número de persoas nin de afectados que protestan pola depuradora fronte aos que o fan coa variante e, ademais, lembrou a ameaza de sancións por parte da Unión Europea pola deficiente depuración da ría.