A nova directiva da asociación de veciños de Lérez quere reactivar un dilatado proxecto como é a variante de Alba. Para iso anuncian que van iniciar conversacións con outros colectivos veciñais da zona norte de Pontevedra para promover conxuntamente xestións coas administracións competentes no proxecto.
Argumentan que a construción da variante é fundamental para as parroquias de Alba, Cerponzóns, Mourente, Verducido, Santa María e San Adrés de Xeve e para Lérez na conexión con Poio, coa estrada de Vilagarcía, co acceso ao centro de saúde de Lérez e tamén con Montecelo.
Esta foi a primeira das prioridades que a asociación de veciños de Lérez se marca no inicio de xestión da nova directiva que volve presidir Miguel Filgueira.
Acompáñano como vicepresidente, Alberto Abilleira Sanmartín; como tesoureiro Jesús María Filgueira Calvo e vocais, Ignacio Amoedo Rodríguez, Rafael Gómez Moldes, Eva María Cochón Moledo, Jenny María Rodríguez Varela e Juan David Sobral Fariña.