A polémica polas limitacións que teñen os nenos con diabete para acceder aos cinemas de Pontevedra con mochilas nas que levan alimentos e material hixiénico e sanitario volveu escribir esta semana un novo capítulo. Logo das críticas por novos problemas de acceso que realizou a Asociación de Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) nos últimos días, este martes a Valedora do Pobo citou aos responsables de Cinexpo, a empresa que xestiona as instalacións, para abordar a situación. Como conclusión, chegaron a un entendemento, pero non a solucións concretas.
Segundo informou a oficina do Valedor do Pobo a través dun comunicado, a reunión celebrouse en Santiago de Compostela con responsable dos cinemas de Pontevedra, Ourense e Vigo nas que se impide aos nenos con diabete acceder coas súas mochilas. A valedora, Milagros Otero Parga, citounos "co fin de aclarar malentendidos e regular en condicións de seguridade o acceso de nenos con diabete a estes recintos".
A valedora xa tivera constancia da situación que se estaba a dar nos cinemas de Pontevedra no mes de maio durante unha visita a Pontevedra e xa naquel momento mantivera un contacto informal co xerente de Cinexpo, que lle trasladou a súa vontade de colaborar. Pese a iso, dende Anedia puideron constatar que lle siguen impedindo aos nenos acceder coas súas mochilas, de aí que o tema se volvera reavivar. Logo da xuntanza deste martes, a valedora asegura que puido "ratificar esa primeira impresión" e se avanzou na normalización das visitas aos cinemas de persoas con diabete e outros colectivos que precisen portar aparellos tales como medidores, alimentos específicos ou medicamentos.
A institución do Valedor do Pobo cre "imprescindible" protexer os dereitos de persoas vulnerables e axudar tanto aos nenos con diabete como a outras persoas que precisen levar medicamentos ou material sanitario específico para abordar as súas doenzas, pero matiza que estes dereitos deben ser compatibles co dereito a gozar do ocio doutras persoas presentes nas salas e cos requisitos de seguridade demandados polos responsables dos cines.
A valedora non concreta cales son eses requisitos de seguridade que se poderían ver afectados en caso de acceso aos cines con mochilas nas que os nenos leven alimentos saudables e outro material, pero si asegura que tanto a valedora como os xestores das salas coincidiron en que o acceso dos nenos con diabete e outras persoas con necesidades médicas ou alimentarias específicas debe realizarse en condicións de seguridade e con todas as garantías.
Para garantir estas medidas, a valedora ve "razoable" que as persoas con necesidades específicas poidan acreditalo aos responsables do control de acceso con algún tipo de documentación e tamén que a entrada con alimentos sexa "proporcional ás necesidades dos afectados de evitar posibles crises". "Só deste xeito poderán equilibrarse os dereitos deste colectivo cos dereitos do resto da cidadanía a asistir ás proxeccións en condicións de seguridade", indica ao respecto.