Galicia recibirá este mércores 21 de abril ao redor de 8.300 vacinas da marca Janssen despois de que a EMA (Axencia Europea do Medicamento) avalara a súa administración. O Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña considera que é unha gran noticia e que desde a administración autonómica vai destinar esta vacina a aqueles pacientes dependentes que se atopan en domicilios e teñan problemas para trasladarse a centros de saúde ou a outros espazo para recibir o medicamento.
Desta forma, a previsión é que durante esta semana se realicen visitas organizadas pola Consellería de Sanidade de profesionais sanitarios a este segmento da poboación para administrarlles a única dose necesaria da vacina desta empresa farmacéutica belga, filial da entidade norteamericana Johnson & Johnson. Esa única dose permite a inmunidade dos inoculados. Segundo García Comesaña tamén desde a Xunta realizouse a proposta de que o sector mariñeiro reciba esta vacina para evitar que, unha vez embarcados, teñan que regresar a terra para que se lles aplique unha segunda dose.
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, manifestaba que é "unha boa noticia" se se reciben os "varios miles de vacinas" desta marca prometidas polo goberno central e supoñerá "un acelerón moi modesto" pero necesario no plan de vacinación en Galicia. Sinalou que o obxectivo é que a finais do mes de abril estean vacinadas todas as persoas maiores de 80 anos, coa aplicación da segunda dose de Pfizer.
Neste sentido, Julio García Comesaña tamén indicaba este mércores que se detecta unha porcentaxe superior ao 80% de adherencia ás chamadas da Consellería de Sanidade para a vacinación por parte da poboación galega. O integrante do comité clínico e Xefe do Servizo de Urxencias no Hospital do Salnés, Tato Vázquez Lima, alertaba da importancia da vacinación e pedía aos cidadáns que non dubiden e vaian vacinarse porque, en calquera caso, o risco trombótico é mínimo en comparación co risco trombótico que se sofre se se adquire a enfermidade do covid-19.
ASTRAZENECA
O presidente da Xunta de Galicia tamén reclamaba que se adopte por parte das autoridades sanitarias estatais e europeas unha decisión sobre a aplicación da segunda dose da vacina de AstraZeneca. Sinalaba que "non depende de nós. Necesitamos unha confirmación no menor tempo posible" e alertaba de que a principios de maio hai un importante número de persoas que terían que recibir a segunda dose desta vacina, no caso de que se aprobe o seu uso.
Lembrou que os especialistas en Galicia aos que consultou a Xunta apostan pola aplicación desa segunda dose de AstraZeneca pero insistiu en que dependerá da confirmación das autoridades farmacolóxicas europeas.
PFIZER E MODERNA
García Comesaña indicaba que este luns se recibiron 105.300 dose da vacina Pfizer e para a próxima semana anunciouse a chegada de 140.000 vacinas desta marca, que permitirán incrementar o ritmo de vacinación, segundo as palabras do propio conselleiro.
Tamén indicou que se espera a chegada de 14.300 dose de Moderna para o luns 26 de abril, que permitirán ir avanzando na previsión de aplicación a 24.000 habitantes galegos con esta vacina. Avanzou que, en previsión, Galicia xa reservara dose de Moderna para non atrasar o período de aplicación da segunda dose.
Polo momento non está prevista a chegada de máis vacúas de AstraZeneca, recoñeceu o titular de Sanidade.