As xornadas Xuntos Avanzamos, impulsada pola organización Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social, regresará a Pontevedra o vindeiro sábado 11 de decembro co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro).
A V edición das Xornadas de Diversidade Sensorial comezará ás 9:10 horas co acto oficial de apertura das autoridades e contará con destacados relatores de diferentes ámbitos socio sanitarios.
A charla inaugural será ás 9:30 horas, centrándose na 'Rehabilitación Auditiva Pre e Post Adaptación' (sobre as terapias necesarias antes e despois da colocación dun audífono, implante ou prótese). Estará protagonizada por Marlene Rodríguez Ferreiro, diplomada en Logopedia (UDC), técnica superior en Audiopróteses (CIFP Ánxel Casal) e experta en Audioloxía (USAL).
Despois, ás 10:30 horas, terá lugar unha mesa redonda titulada 'Escola Inclusiva para todos', na que se abordará o caso da Escola Infantil Abelliñas e na que participarán a súa directora, Cristina García, a psicopedagoga Cristina Rubío e a educadora infantil Natalia Souto.
Pasado o descanso, sobre as 11:40 horas comenzará un novo relatorio centrado en 'Xordeira e autismo. Puntos en común', a cargo da psicóloga educativa Cristina Pereira Romero.
Ademais, o congreso autonómico deixará un espazo para o espectáculo, neste caso humorístico con The Maloes Show, unha parella de actores xordos que interpretará situacións cotiás en parella no seu espectáculo 'A vida en parella, o matrimonio'. Está previsto para as 12:30 horas.
Por outra banda, este ano entregarán o II Premio Xuntos Avanzamos a Andres Caamaño para recoñecer o seu labor a prol da lingua de signos. Tal e como subliñou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, "este ano teremos o orgullo e honra de poñer en valor o inxente labor de Andrés Caamaño Hermida, unha persoa xorda que estivo toda a súa vida nos diferentes movementos asociativos e institucións, apoiando e conservando a lingua de signos galega". A entrega do galardón pechará o acto ás 13:30 horas.
O acto celebrarase no Salón de Actos do Pazo da Cultura e será presencial e accesible con entrada de balde ata completar aforo. Ata a medianoite do venres poderá facerse a inscrición.