O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, nunha sesión do Consello do Campus de Pontevedra celebrada este xoves, manifestaba que o futuro grao en Deseño é unha "titulación irrenunciable" para o Campus Crea de Pontevedra.
Tal e como se recolle no Diario da Universidade de Vigo (DUVI), Reigosa sinalaba que a súa previsión é que esta nova titulación "estea aprobada en breve", máis ao mesmo tempo recoñeceu tamén que será "difícil" que a tramitación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) complete esta avaliación nun período que faga posible a súa posta en funcionamento o vindeiro curso 2021-2022.
"Polo tanto, é posible que finalmente quede para o curso 2022-2023", recoñecía o reitor.
Con todo, engadía que "se dese tempo, desde logo, nós temos todo preparado para que o grao se puidese implantar no curso 2021-2022" e así llelo manifestou aos membros do Consello do Campus de Pontevedra na xuntanza deste órgano colexiado, na que se combinou a asistencia presencial desde a Casa das Campás e virtual.
Nesta reunión, tamén expuxeron os seus informes o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.