A urbanización do vial do porto de Raxó custará 640.000 euros e o Concello pagará un 30%

Poio
12 de xaneiro 2023

O Consello da Xunta autorizou este xoves a firma dun convenio entre ambas as administracións para a humanización e reordenación destes espazos, así como para a mellora dos servizos

Praia de Raxó
Praia de Raxó / PontevedraViva

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá preto de 640.000 euros nas obras de mellora do bordo portuario de Raxó para humanizar a zona e integrar o vial portuario coa vila.

Así o acordou este xoves o Consello da Xunta, que autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o Concello para a execución e financiación dos traballos, que incluirán tamén as redes de servizos urbanos e a mellora da accesibilidade das beirarrúas municipais. 

A actuación global prevista está orzamentada en máis de 900.000 euros, do que o Executivo galego financia o 70% e o Goberno local o 30% restante, algo máis de 270.000 euros correspondentes coas redes de servizos municipais.

Portos de Galicia encargarase da licitación e execución da obra mentres que o Concello asumirá o mantemento viario, a vixilancia das instalacións, a regulación do tráfico -garantindo de xeito permanente o acceso para as actividades portuarias- e a recollida de residuos da zona portuaria.

As obras proxectadas executaranse en base ao proxecto presentado pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, á confraría de pescadores de Raxó e aos colectivos sociais implicados co obxectivo de atender, na medida do posible, as súas necesidades.

O obxectivo dos traballos pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó así como redistribuír os espazos para facer esta zona de interacción porto-vila máis atractiva tanto para os veciños como para os visitantes. 

O proxecto realizado pretende humanizar a contorna dándolle un aspecto máis amable para os peóns e inclúe a transformación da fachada marítima nunha plataforma única de convivencia dos distintos usuarios así como a instalación das redes de servizos urbanos como o saneamento, abastecemento, electricidade ou telefonía, entre outros.

Ademais integra a demanda de actuar de xeito xeral nas beirarrúas da parte inicial do vial e que se atopan fóra do solo de competencia de Portos de Galicia para mellorar e dotar de maior accesibilidade o itinerario peonil, separado do tránsito rodado, desde a estrada xeral ata o paseo do porto.