A Universidade quere aproveitar as súas oficinas no Edificio Azul da Xunta para consolidar a súa presenza na cidade

Pontevedra
13 de setembro 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou este venres o convenio co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa para ceder tres andares durante 20 anos prorrogables no edificio azul da Xunta en Benito Corbal

Sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia
Sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia / Cristina Saiz

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa asinaban este venres na Casa das  Campás o convenio polo que a administración autonómica cede tres plantas do Edificio Azul da Xunta en Benito Corbal á institución universitaria para que teña un espazo no que desenvolva o seu programa de Campus Crea.

Cédense a quinta, sexta e sétima plantas por un prazo de 20 anos prorrogables, segundo explicaba Alfonso Rueda, e realizaranse as obras de acondicionamento destes espazos do mesmo xeito que o da oitava planta no que se instalará a Fundación Manuel  Moldes, cunha sala de exposición de obras do pintor desaparecido. O vicepresidente autonómico explicaba que espera que as obras se liciten a finais de outubro cun investimento próximo ao millón de euros, dos que a Universidade de Vigo achegará 350.000 euros

Desde a Xunta esperan que as obras de acondicionamento duren nove meses e, por tanto, estarán dispoñibles ao longo de 2020 para o seu uso. O reitor Manuel Reigosa explicaba que este espazo permitirá que o campus pontevedrés sexa un "actor relevante na vida cultural, social e económica da cidade". E anunciaba que se centrarán en mellorar as posibilidades educativas, fomentar o I+D e potenciar as relacións con empresas e institucións. 

Reigosa espera que o novo grao en Deseño e Creación entre en funcionamento o próximo curso 2020/21 afirmando que esta titulación adáptase ao Campus Crea e á especialización das titulacións de Pontevedra. 

O reitor apuntou que este ano se rexistraron bos resultados en matriculación. En todo caso, apuntou que para próximos cursos realizarán unha aposta por captar estudantes internacionais aproveitando as posibilidades que permite a utilización do castelán e o galego. Desta forma quérese atraer principalmente a universitarios  lusófonos e latinos.

FUNCIONAMENTO DO EDIFICIO AZUL

En canto aos outros usos que terá o Edificio Azul da Xunta, o vicepresidente autonómico indicaba que en outubro espera que se complete o traslado das oficinas de emprego actualmente situadas en Eduardo Pondal co obxectivo de que en novembro entren xa en funcionamento.

Alfonso Rueda sinalou que xa está liquidada a tramitación co  Concello de Pontevedra para obter a licenza de primeira ocupación ao longo da próxima semana e espera que antes de que remate este ano se instalen as asociacións sen ánimo de lucro que obtiveron un espazo para establecer as súas oficinas nese edificio.