A Universidade promove a celebración de graduacións virtuais

Pontevedra
04 de xullo 2020

A crise sanitaria provocada pola covid-19 impide neste 2020 o desenvolvemento de actos de graduación nos campus, mais isto non significa que non vaia haber espazo para a celebración, xa que, como alternativa, a Universidade promove unha serie de actos de graduación virtuais en vídeo, que se emitirán a través de UVigo-TV

Unha graduación celebrada o pasado curso
Unha graduación celebrada o pasado curso / Universidade de Vigo

Nestas últimas semanas de curso, adoitaban sucederse nos tres campus unha serie de actos de graduación nos que os novos titulados festexaban cos seu profesorado e coas súas familias o remate dos seus estudos. 

A crise sanitaria provocada pola covid-19 impide neste 2020 o desenvolvemento destes actos nos campus, mais isto non significa que non vaia haber espazo para a celebración, xa que, como alternativa, a Universidade promove unha serie de actos de graduación virtuais en vídeo, que se emitirán a través de UVigo-TV. 

No Campus de Pontevedra esta iniciativa levarase a cabo no grao en Belas Artes e nas tres titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. 

Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria explicou que serán actos seguindo todos un mesmo formato, estanse a preparar nesta semanas e comezarán a emitirse cara finais de xullo, contando todos eles cunha data de "estrea".

Os actos, explica Caparrini, estarán conformados por unha intervención do reitor, Manuel Reigosa, unhas verbas da decana ou directora do centro e as intervencións tamén da madriña ou padriño da promoción e dun representante do alumnado. Estes pequenos discursos iranse intercalando, engade, con pezas musicais e coa proxección da orla cos novos egresados.

Máis aló desta proposta, explica Caparrini, "algúns centros optaron por facer os seus propios actos de graduación virtuais co seu proio esquema e organización" mentras que outras facultades e escolas "consultaron aos seus estudantes e estes decidiron agardar e facelo de forma presencial cando se poida, aínda que sexa a partires de setembro".