A Universidade e AJE convocan o concurso de ideas de negocio 'Crea Economía Social'

Pontevedra
28 de abril 2022

Ata o 21 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de propostas ás catro categorías dun certame no que se premiarán ideas baseadas nos principios da economía social e inseridas nas diferentes áreas do Campus Crea da Universidade de Vigo

Cartel do concurso de ideas de negocio 'Crea Economía Social'
Cartel do concurso de ideas de negocio 'Crea Economía Social' /

Por segundo ano consecutivo, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE Pontevedra) impulsan o concurso de ideas de negocio 'Crea Economía Social'.

Ata o 21 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de propostas ás catro categorías dun certame no que se premiarán ideas baseadas nos principios da economía social e inseridas nas diferentes áreas do Campus Crea da Universidade de Vigo.

O certame premiará as mellores ideas de negocio en cada unha das catro categorías convocadas: artes, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar; e medio ambiente e natureza.

En cada categoría outorgarase un premio económico de 250 euros e un accésit, consistente na cota de balde en AJE-Pontevedra durante 12 meses, período no que poderán beneficiarse de todos os servizos que ofrecen aos seus asociados.

Como recollen as bases, o xurado avaliará tanto a orixinalidade e carácter innovador da actividade proposta, como o seu potencial para converterse nun proxecto empresarial e o seu nivel de desenvolvemento, o seu valor social e as súas posibles vantaxes competitivas no mercado.

O concurso enmárcase na Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración coa que a Xunta de Galicia, co apoio de entidades socias como a UVigo ou AJE-Pontevedra, fomenta o desenvolvemento da economía social e o espírito emprendedor.

"Creo que sei hai algo que é importante resaltar hoxe en día son aqueles aspectos que teñen que ver coa economía, pero que entroncan directamente coa cidadanía", sinala o vicerreitor do campus, Jorge Soto, en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI).

Nese senso, destaca que se trata duns premios dirixidos a impulsar "iniciativas que teñen que ver co emprendemento", pero tamén con promover unha "economía das persoas", que poña o foco nos aspectos que inflúen no benestar da cidadanía e que se encadren á súa vez na colaboración entre a Vicerreitoría e AJE-Pontevedra, da que destaca "o seu dinamismo e a capacidade que teñen para liderar proxectos con xente nova".

O concurso está aberto á participación tanto do alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus de Pontevedra como das persoas emprendedoras en xeral.

As persoas interesadas deberán enviar ao correo electrónico [email protected] o formulario de candidatura que se pode descargar da web do concurso ou un vídeo de non máis dun minuto no que expliquen a idea de negocio, o problema ou necesidade que resolvería, o produto ou servizo que se pretende comercializar, a novidade e innovación que achega o proxecto, o colectivo ao que iría dirixido e o seu posible impacto social.

Ademais, as persoas interesadas en participar contan cun servizo de apoio que lles axude a resolver posibles dúbidas antes de presentar a candidatura, a través tamén do enderezo [email protected]. Así mesmo, tamén poderán participar nunha serie de talleres nos que aprender a identificar problemas, deseñar produtos e servizos adaptados á realidade social e económica, deseñar procesos de compra e venda e coñecer casos de éxito.