A Universidade de Vigo lanza un itinerario formativo virtual en xénero

Pontevedra
21 de marzo 2020

A crise sanitaria obríganos a permanecer confinados nos fogares, pero isto non pode servir de escusa, senón de oportunidade para aproveitar estes días para seguir formándose. Así o ven desde a Universidade de Vigo que, grazas ao apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, acaban de lanzar un itinerario formativo virtual en xénero co que poder satisfacer as necesidades de formación nesta temática da comunidade universitaria

Campus de Pontevedra
Campus de Pontevedra / Gabriela Varela Asorey

A crise sanitaria obríganos a permanecer confinados nos fogares, pero isto non pode servir de escusa, senón de oportunidade para aproveitar estes días para seguir formándose. Así o ven desde a Universidade de Vigo que, grazas ao apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, acaban de lanzar un itinerario formativo virtual en xénero co que poder satisfacer as necesidades de formación nesta temática da comunidade universitaria. 

Totalmente en liña, incluídas as probas de avaliación

O itinerario está composto por nove formacións, unha introdutoria (40 horas) e oito (15 horas) con temáticas máis específicas: educación afectivo-sexual; economía de xénero; sostenibilidade na vida no centro; o acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible; a perspectiva de xénero na educación; normativa básica de xénero; a comunicación e o xénero, e o sexo e o xénero no século XXI. 

Na elaboración de todo o material didáctico destes cursos participaron principalmente profesorado experto da Universidade de Vigo e para algunhas temáticas convidáronse a expertas doutras universidades.

As persoas interesadas en inscribirse teñen xa aberto o prazo de preinscrición ata o vindeiro 29 de marzo, e a actividade docente en liña arrancará este mesmo luns día 23. 

O curso introdutorio, de 40 horas, prolongarase ao longo de dous meses e os específicos, de 15 horas, durante un mes. Atendendo ás especiais necesidades destes días, os cursos desenvolveranse totalmente en liña, incluídas as probas de avaliación.

Cada unha das actividades será certificada pola Universidade de Vigo.