A Universidade de Santiago exhumará os restos da fosa común do cemiterio de Rubiáns

O Salnés
08 de outubro 2021

Os traballos arqueolóxicos desenvolveranse entre outubro e novembro, previa autorización de Patrimonio da Xunta. O goberno local de Vilagarcía sinala que a actuación é "necesaria para saldar unha débeda moral e histórica coas vítimas e coas súas familias e para pechar feridas de cara á construción dun futuro mellor"

 Exhumación, por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), dun fosa de represaliados da Guerra Civil española
Exhumación, por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), dun fosa de represaliados da Guerra Civil española / Archivo fotográfico Foro Cultural Provincia de El Bierzo (FCPB)

O Concello de Vilagarcía vén de autorizar a actuación proposta pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) para exhumar os restos das persoas asasinadas polo réxime franquista e que foron enterrados nunha fosa común no Cemiterio Municipal de Rubiáns. 

A intervención a realizar forma parte das actuacións incluídas no Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021 que se desenvolve mediante un convenio asinado entre a USC, a Consellería de Cultura, Educación e Universidades e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.

Os traballos de exhumación a realizar en Vilagarcía serán executados por investigadores da Facultade de Historia Contemporánea e estarán dirixidos polo catedrático, Lourenzo Fernández Prieto. 

O Concello de Vilagarcía ofreceu a súa total colaboración á USC para o desenvolvemento desta intervención para o cal porase a súa disposición a loxística e os medios (material de apoio, carpas, instalación de tomas de luz…) que poidan precisar e estean a disposición da administración local. Ademais, dende o goberno local de Vilagarcía apláudese a intervención proposta "porque é necesaria para saldar unha débeda histórica e moral cos asasinados e coas súas familias, así como para pechar feridas que permitan construír un futuro mellor".

A previsión é que os investigadores realicen os traballos de campo entre outubro e novembro para continuar despois nos laboratorios coas labores de análise e identificación dos restos óseos.

Dado que o Cemiterio Municipal de Rubiáns está catalogado, á autorización concedida polo Concello, a USC deberá engadir o permiso da Dirección Xeral de Patrimonio.