A Universidade de Santiago deseña unha proposta para controlar e reducir as plantas invasoras no río Umia

Umia
01 de outubro 2022

O Laboratorio de Hidrobioloxía do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela é o encargado de levar a cabo este plan de control co fin de frenar o crecemento destas plantans invasoras que están a limitar os servizos ecosistémicos na zona urbana que atravesa o río

Río Umia ao seu paso por Caldas de Reis
Río Umia ao seu paso por Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O informe preliminar da proposta para controlar e reducir a biomasa de plantas acuáticas invasoras no sector urbano do río Umia en Caldas de Reis foi "satisfactorio", segundo indicou o alcalde, Juan Manuel Rey.

Rey explicou que esta proposta "ofrece solucións técnicas contrastadas para reducir ás plantas invasoras". Rey adiantou además que "próximamente" presentará a proposta a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, "para profundizar nas solucións propostas e canalizar dende a Xunta a financiación necesaria para poder desenvolvelas no primeiro semestre do 2023 coas condicións ambientais máis adecuadas".

Deste xeito, o Laboratorio de Hidrobioloxía do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela é o encargado de levar a cabo este plan de control co fin de frenar o crecemento destas plantans invasoras que están a limitar os servizos ecosistémicos na zona urbana que atravesa o río.

Esta proposta, asinada polo Dr. Fernando Cobo, que xa colaborou co Concello anteriormente, o Dr. Rufino Vieira e a Dra. Sandra Barca, inclúe unha primeira fase de sega e recolección mecánica da vexetación do leito do río, evitando a dispersión dos restos coa súa recollida para evitar o rebrote e a dispersión; un posterior dragado limitado á superficie do leito do río e, finalmente, unha restauración do leito mediante o recubrimento con cantos rodados que suporán un substrato axeitado para a recolonización das especies fluviais autóctonas. Paralelamente prevese unha campaña de educación e concienciación sobre os problemas das especies invasoras, integrado no marco do proxecto europeo Life-Invesaqua.

O concelleiro de Medio Ambiente subliña que "o Concello está a desenvolver ao longo desta lexislatura diversas iniciativas para a redución das plantas invasoras". De feito, despois da actuación de marzo de 2021 na contorna do ponte da Ferrería e do Concello presentaron novas propostas á Fundación Biodiversidade e á Xunta de Galicia, para actuar nos tramos urbanos dos ríos Umia e Bermaña, e tamén prevese unha segunda fase no 2023".