A nova Facultade de Deseño e Creación xa está oficialmente en tramitación. O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este luns por unanimidade iniciar o expediente para a creación deste centro, que se sumará á oferta académica de Pontevedra.
A futura facultade, que terá a súa sede en Belas Artes, acollerá ademais do Grao en Deseño e Creación, o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que xa está a impartir no campus.
A partir de agora unha xunta de titulación, que estará presidida polo docente Marcos Dopico como decano comisario, deberá elaborar as memorias do novo grao.
Neste órgano estarán representados os departamentos, centros e titulacións con algunha relación co novo grao, así como o alumnado e o persoal de administración e servizos, podendo ademais contar co asesoramento de colexios profesionais, empresas e asociacións do sector, axentes sociais e doutras universidade que impartan o título.
Esta xunta, segundo sinalou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, terá que traballar de maneira "extraordinariamente rápida" para cumprir os trámites e que o Grao en Deseño e Creación poida poñerse en marcha no curso 2020-2021.
A decana en funcións da Facultade de Belas Artes, Silvia García, asegurou na sesión que a creación da nova facultade é unha "oportunidade a medio prazo para medrar" e confiou en que sexa unha "vía positiva para superar os conflitos internos".
En relación co proceso de creación da nova facultade, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, lembrou que é un procedemento "complexo" que levará "bastante tempo", posto que despois do trámite de hoxe, o inicio do expediente remitirase ao Consello Social que se celebra mañá e que emitirá un informe ao respecto.
A continuación terá que pasar polo Claustro, que tamén emitirá un informe e regresar a Consello de Goberno, onde será aprobado. Posteriormente remitirase ao Consello Galego de Universidades e por último será a Xunta de Galicia quen teña que aprobalo.