A Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil regresa ao Hospital Provincial

Pontevedra
29 de decembro 2023

Os traballos de mellora e readaptación obrigaron hai máis de dous meses a trasladar temporalmente estes servizos a un espazo provisional nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe da Deputación provincial. Agora reabren na súa localización habitual

Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil no Hospital Provincial
Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil no Hospital Provincial / Sergas

A Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), situada no Hospital Provincial, regresa ás súas dependencias unha vez rematadas as obras de mellora que se acometeron.

Os traballos de mellora e readaptación obrigaron hai máis de dous meses a trasladar temporalmente estes servizos a un espazo provisional nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe da Deputación provincial. Agora reabren na súa localización habitual.

A renovada Unidade permitirá atender con maiores niveis de confort a arredor de 50 nenos e nenas de 0 a 14 anos.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou a reforma desta unidade, con novo mobiliario para actividades ocupacionais, rehabilitación dos accesos, nova iluminación LED e ambientación que optimizará a prestación asistencial temperá infantil neste centro hospitalario público pontevedrés.

Nas instalacións da renovada Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil coidáronse a accesibilidade e elimináronse as barreiras arquitectónicas.

A Unidade de Atención Temperá e Rehabilitación Infantil do CHUP ten o seu horario de atención de luns a venres entre as 15 e as 22 horas, de xeito que os nenos escolarizados poden recibir o tratamento que necesiten fora do horario lectivo.