A UNED Pontevedra terá un orzamento de 2,3 millóns de euros

Pontevedra
03 de decembro 2020

A Xunta Reitora do Consorcio do Centro Asociado á UNED en Pontevedra tamén aprobou o plan académico docente do curso 2020-2021, que continuará a liña do curso anterior pero respondendo ás necesidades do alumnado por mor da situación sanitaria

Exterior do centro da Uned en Monte Porreiro
Exterior do centro da Uned en Monte Porreiro / Uned

A Xunta Reitora do Consorcio do Centro Asociado á UNED en Pontevedra vén de aprobar o orzamento para o exercicio 2021 que ascende a preto de 2,3 millóns de euros.

No marco da orde do día, tamén se aprobou o plan académico docente do curso 2020-2021, que continuará a liña do curso anterior pero respondendo ás necesidades do alumnado por mor da situación sanitaria, e deuse conta do novo equipo directivo do centro que, con Víctor Manuel González Sánchez como director e con cinco mulleres e cinco homes ocupando diferentes postos, será totalmente paritario.

No que respecta ao orzamento para o 2021, o importe ascende a preto de 2,3 millóns de euros contemplando preto de 600.000 euros para gastos de persoal y profesores-titores, máis de 915.000 euros para gastos correntes en bens e servizos, máis de 715.000 euros para transferencias correntes e preto de 60.000 euros para investimentos.

O orzamento é lixeiramente inferior ao 2020 (115.713 euros menos) debido á diminución do número de persoal directivo e, entre outras cuestións, á ausencia de gastos no que corresponde ao profesorado da Escola Naval. Por outra parte, aumenta a partida de profesores titores e tamén a de limpeza para responder á situación sanitaria.

Amais do orzamento, tamén se aprobou o plan académico docente para o curso 2020-2021, que continuará a liña do curso anterior e responderá ás necesidades dos estudantes dada a situación sanitaria, e deuse conta do novo equipo directivo que, liderado por cinco mulleres e cinco homes, será totalmente paritario.

Xunto aos xa nomeados Víctor Manuel González Sánchez, director do Centro asociado de Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, e Tomás Costal Criado, secretario do Centro Asociado en Pontevedra, contará cunha subdirección económica a cargo de Alfonso Vázquez Reboredo, e tres coordinacións: a Académica, orientada á xestión e creación de calendarios de formación regrada, que será xestionada por María Beatriz Arjona Otero; a de Extensión Universitaria, coa finalidade de coordinar actividades culturais e formativas non regradas, que dirixirá Rafael Cotelo Pazos; e, por último, a Tecnolóxica, que ten como misión manter e xestionar o equipamento tecnolóxico para facilitar as clases en rede, que coordinará Francisco José Abuín Crespo.

Tamén haberá unha coordinadora do COIE (Centro de Orientación e Emprego), Patricia Otero Balboa; outra da Aula de Vigo da UNED, María del Carmen Martínez Prieto; tamén unha coordinadora da Aula de Tui, Minerva Atenea Ojea Delgado; e outra para a aula de Portas, Ana María Barreira Fresco.