O centro asociado da UNED en Pontevedra inicia este próximo mércores 13 outra edición da escola de pais e educadores.
O curso prolongarase ata o 29 de maio e será impartido polo profesor Santiago García Rey, que conta con experiencia no ensino público desde Infantil ata Bacharelato, do mesmo xeito que en ensino de adultos.
O curso pretende ofrecer un espazo de reflexión sobre escoita activa non enxuizosa e acompañamento emocional; transformar autoritarismos por confianza mutua; fomentar a autonomía, intelixencia emocional e capacidade de toma de decisións; crear vínculos afectivos sans que potencien a autoestima e aprender a acordar e negociar.
Está orientado a pais e nais, profesores e educadores, estudantes de Maxisterio, Pedagoxía, ou Psicoloxía e igualmente a toda persoa interesada nunha educación humanista, empática e respectuosa.
Esta oferta formativa impartirase en liña os mércores pola tarde de 18:30 a 20.00 horas no centro asociado da UNED. A presencialidade no centro non é obrigatoria e pode facerse en directo ou diferido.