A UNED crea un portal web para a formación online desde casa con motivo do estado de alarma

Pontevedra
20 de marzo 2020

No portal ofrécese un extenso abanico de recursos de orientación e formación para o profesorado sobre metodoloxía de formación en liña, útil para o deseño e desenvolvemento de cursos non presenciais

Interior do centro da Uned en Monte Porreiro
Interior do centro da Uned en Monte Porreiro / Uned

O Ministerio de Universidades e Crue Universidades Españolas puxeron en marcha un portal web deseñado pola UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia) e a UOC (Universitat Oberta de Catalunya), xunto coa contribución de todas as universidades españolas. 'Conectad@s: la universidad en casa' é unha plataforma con contidos útiles para a formación online e que conta con módulos didácticos, contidos de orientación metodolóxica, plataformas tecnolóxicas e software, así como asesoramento psicolóxico.

Este portal web recolle un extenso abanico de recursos de orientación e formación para o profesorado sobre metodoloxía de formación en liña, útil para o deseño e desenvolvemento de cursos non presenciais. No portal ofrécese ao persoal investigador, docente, pero tamén a estudantes, un amplo repertorio de materiais dixitais e contidos en aberto de distintas áreas de coñecemento.

Ademais, terá entre os seus contidos unha serie de conferencias, consellos, materiais de divulgación e atención personalizada para o coidado psicolóxico de quen o requira nestas circunstancias tan excepcionais polo estado de alarma.

Todos os medios da plataforma #LaUniversidadEnCasa son gratuítos e están enfocados tanto á comunidade universitaria española como a institucións de ensino. 

Ademais desta nova iniciativa, o Centro Asociado de Pontevedra transformou todas as súas titorías para impartilas na modalidade de web conferencia, o que foi posible grazas ao esforzo e implicación do grupo de profesores titores do Centro Asociado, co apoio do Persoal de Administración e Servizos e equipo directivo permitindo que, desde o pasado venres, os estudantes poidan continuar asistindo ás súas titorías desde os seus domicilios.