A unanimidade na maioría dos asuntos vaticina un pleno tranquilo en Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2023

En principio, parece que será tranquilo o próximo pleno que a corporación municipal de Pontevedra celebrará o vindeiro luns 20 de novembro, a partir das 11:00 horas, no Teatro Principal

Eva Vilaverde, alcaldesa de Pontevedra en funcións
Eva Vilaverde, alcaldesa de Pontevedra en funcións / Mónica Patxot

En principio, parece que será tranquilo o próximo pleno que a corporación municipal de Pontevedra celebrará o vindeiro luns 20 de novembro, a partir das 11:00 horas, no Teatro Principal.

A maioría dos asuntos que figuran na orde do día contan co respaldo unánime de todos os grupos. 

Para preparar esta sesión, este mércores reuniuse a Xunta de Portavoces, na que case se podería falar de "portavozas" xa que coincidiron Anabel Gulas en representación do grupo municipal do BNG, Silvia Junco polo Partido Popular, Yoya Blanco polo PSOE e como alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, que quixo "poñer en valor que este goberno cando se trata de mocións construtivas pois agradece a achega e vota a favor".

Na parte resolutiva do pleno, o primeiro punto que debaterán será a participación do Concello de Pontevedra no ente supramunicipal que impulsa a Xunta de Galicia para facer unha xestión da auga mancomunada entre os municipios que se abastecen do río Lérez. 

Todos os grupos están dacordo en participar no consorcio, mancomunidade ou calquera outra fórmula que se adopte. O goberno local tan só pide que este ente "non supoña un gasto adicional para vos pontevedreses".

Tamén hai unanimidade en apoiar as propostas do PP na que reclama rúas máis accesibles para persoas con discapacidade visual e máis iluminación pública, xa que considera a formación que as parroquias, os barrios e o centro histórico están "ás escuras". 

Igualmente, todos os grupos votarán a favor da moción socialista para en impulsar un "plan de choque" para realizar un mantemento "regular, transparente e organizado" de todos os camiños de titularidade municipal.

"Son mocións moi apropiadas, sobre todo despois destes temporais que fan necesaria unha actuación tanto nas instalacións eléctricas como nos 500 quilómetros que temos de vías e pistas rurais", valorou Eva Vilaverde. "Neste concello temos especial sensibilidade cara á accesibilidade" lembrou a alcaldesa accidental respecto a a outra moción.

Non existe a mesma sintonía coa outra proposta do PSOE para crear unha ordenanza para as vivendas turísticas.

De novo recupérase a unanimidade con outra moción do PSOE para esixir á Xunta que invista no barrio de Monte Porreiro "os máis de 10 millóns de euros comprometidos". Neste asunto a concelleira do PP Silvia Crespo considera que o goberno local "debe reactivar las conversaciones con los vecinos" para acordar as obras para realizar despois de que estes se opuxeran a unha "peatonalización sin sentido" . Os populares piden que se inclúa unha partida no orzamento municipal para o 2024 que permita solucionar as "múltiples deficiencias" do barrio. 

A orde do día completarase coas mocións urxentes que se poidan presentar e o apartado de control e seguimento do goberno local Eva Vilaverde dará conta do acordo de dar "carpetazo definitivo" ás mocións do PP e PSOE aprobadas polo pleno, entre ambos os grupos, sobre vías sanitarias libres de lombos e a apertura ao tráfico dun carril en Raíña Victoria.

25 DE NOVEMBRO

Antes do comezo da sesión plenaria a corporación participará no despregamento da lona no balcón da casa do concello co lema do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se conmemora o 25 de novembro.

A continuación, xa no Teatro Principal, unha representante da Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller dará lectura ao manifesto que se está elaborando para esta ocasión por parte do Concello de Pontevedra.