A un paso da instalación da nova cuberta da capela da illa de Cortegada

O Salnés
07 de agosto 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este martes 6 as obras de rehabilitación da capela da Virxe dos Milagres na illa de Cortegada, acompañado pola directora xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez. A rehabilitación, que xa está executada ao 50%, conta cun investimento de 600.000 euros da Xunta de Galicia

O conselleiro José López, responsable de Cultura, visitaba as obras da capela da Illa de Cortegada
O conselleiro José López, responsable de Cultura, visitaba as obras da capela da Illa de Cortegada / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este martes 6 as obras de rehabilitación da capela da Virxe dos Milagres na illa de Cortegada, acompañado pola directora xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez.

A rehabilitación, que xa está executada ao 50%, conta cun investimento de 600.000 euros da Xunta de Galicia.

Durante a visita, López Campos destacou que a actuación busca "incorporar este ben aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e recuperar a memoria dos seus habitantes".

Nos traballos realizados ata o momento, reconstruíuse a bóveda de canón e o arco utilizando pezas de cantería recuperadas tras o derrubamento da edificación.

En breve, comezará a colocación da nova cuberta, segundo indican desde a Consellería.

O proxecto inclúe tamén a reconstrución de partes dos muros derrubados, a limpeza e rexuntado dos muros aínda en pé e dos interiores, conservando restos de posible policromía.

Ademais, executarase unha nova cuberta de madeira e instalaranse novas carpinterías en portas e cristaleiras nas fiestras.

Outro aspecto relevante do proxecto é o acondicionamento do exterior da igrexa, incluíndo o adro, as escaleiras e o espazo do antigo hospital, así como labores de saneamento e drenaxe do pavimento interior.

Tamén se levará a cabo unha investigación arqueolóxica de todo o conxunto.

A illa de Cortegada é un espazo de gran valor natural, coñecido polo seu bosque de loureiros e os restos do antigo poboado, destacando a capela da Virxe dos Milagres.

O conselleiro subliñou que o goberno galego quere preservar este espazo natural ao tempo que facilita o seu goce cun modelo sustentable.