O destacamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME) fixado na Escola Naval Militar de Marín incrementarase con motivo do aumento de risco de incendios forestais. Segundo indicou o Ministerio de Defensa, haberá 22 militares máis.
A Escola Naval apoiaralles "co aloxamento e a manutención que se precise", todo dentro das directrices recollidas no Plan de Actuacións de Prevención e Loita contra Incendios Forestais para 2013 aprobado no Consello de Ministros. En función deste plan, a UME despregou un detacamento en Marín entre o 17 de xullo e o 30 de setembro para garantir a intervención temperá desta unidade en Galicia.
O destacamento, que pertence ao Quinto Batallón de Intervención de Emergencias (BIEM V) con sede en León, está composto por 26 militares e 11 vehículos. Entre os días 28 e 31 de agosto, tras o repregamento do incendio de Oia, o destacamento reforzouse con tres pelotóns de intervención, sumando un total de 81 militares e 24 vehículos. Durante os sete días que durou o citado incendio de Oia, a base operativa da UME foi a Escola Naval.
Dende o inicio da campaña de incendios, o destacamento da UME na Escola Naval participou na extinción de seis incendios forestais acontecidos nas catro provincias. Tiveron un total de 16 días de intervención nos que as instalacións marinenses foron base deste destacamento e se lles achegou apoios loxísticos necesarios para o cumprimento das súas misións, subministrando as porcións de comida, auga e combustible necesarios, ademais de apoiar os desprazamentos e traslados de persoal ata as zonas de actividade.
Ademais, tanto a piscina coma as instalacións deportivas da Escola Naval, son utilizadas diariamente polos efectivos da UME para o seu adestramento e preparación persoal.