A última ostreira de Arcade será homenaxeada en Soutomaior

Soutomaior
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Trátase dun recoñecemento que o goberno municipal outorgará de maneira anual a diferentes mulleres que teñan feito durante a súa traxectoria vital e profesional ou fagan actualmente achegas significativas á igualdade en Soutomaior

Reunión do Consello Feminista Municipal de Soutomaior
Reunión do Consello Feminista Municipal de Soutomaior / Concello de Soutomaior

Isabel Seoane, a última ostreira de Arcade, será homenaxeada no marco da Festa da Ostra, que se celebrará en abril. Así o decidiu o Consello Feminista Municipal na súa primeira xuntanza.

Trátase dun recoñecemento que o goberno municipal outorgará de maneira anual a diferentes mulleres que teñan feito durante a súa traxectoria vital e profesional ou fagan actualmente achegas significativas á igualdade en Soutomaior.

Esta primeira reunión do Consello Feminista Municipal de Soutomaior estivo presidida polo alcalde Manu Lourenzo, quen agradeceu a participación dos grupos políticos da corporación municipal e das distintas asociacións municipais, que contan coa figura da vogalía da muller.

O rexedor tamén aproveitou esta sesión do consello para presentar ante as asociacións a programación do 8M, baixo o lema ‘Abrindo costuras’, que comezou co obradoiro de bordado "Fiando a nosa historia feminista", impartido pola artista téxtil mexicana Maritza Berttolini.

Lourenzo reivindicou a María 'A das Mil Flores' ou María 'A Coxa', principal figura recoñecida na campaña do 8M de Soutomaior e que precisamente dá nome ao galardón que recibirá a ostreira Isabel Seoane.

A concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, foi quen asumiu a presidencia do Consello Feminista Municipal de Soutomaior, que a exercerá durante o resto do mandato.

A edil sinalou que este organismo "servirá para vez para dar un maior impulso ás políticas de igualdade do noso concello", co obxectivo de "seguir a escribir as páxinas do futuro feminista que todos e todas queremos para Soutomaior".

Arquivado en