A última operación antidroga conxunta da Policía Nacional, a Garda Civil e o Servizo de Vixilancia Aduaneira con epicentro na comarca do Salnés xa suma preto dunha vintena de detidos.
Así o confirmou este xoves o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nun acto polo Día da Policía en Vigo.
Losada confirmou que a operación Ceira, que comezou na madrugada do martes ao mércores, segue aberta e baixo secreto de sumario no Xulgado de Instrución número 4 de Cambados.
A organización desarticulada nesta operación está centrada nas redes de fabricación de narcolanchas que logo se dedican nas actuacións de tráfico de drogas. Neste sentido, destaca a incautación de moldes para a fabricación de embarcacións e tamén de varias planadoras.
Respecto diso, o subdelegado do Goberno tan só confirmou que "estamos a falar dunha organización dedicado ao narcotráfico" e que hai unha "ramificación sobre construción de planadoras vinculadas ao narcotráfico".
Fontes da operación confirmaron que unha pequena parte dos detidos xa quedaron en liberdade tras prestar declaración en sede policial mentres que o resto están pendentes de pasar a disposición xudicial.
Nesta operación resulta destacada a incautación dunha "significativa cantidade" de heroína, superior aos 20 quilos, así como dunha plantación de marihuana. Losada sinalou este xoves que supón un "comiso de droga importante".
O epicentro é a provincia de Pontevedra e, en particular, a comarca do Salnés, e tamén ten ramificacións na provincia da Coruña e en Portugal. Bautizouse como 'Ceira' en alusión a unha localidade de Portugal relacionada coa actividade de narcotráfico.
Abel Losada pediu este xoves "respectar escrupulosamente" o secreto de sumario para poder favorecer o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Apunta á importancia da "prudencia" dos cargos públicos e dos medios de comunicación para non interferir nas investigacións policiais.